A Costa da Morte, albo dos eólicos: 21 novos parques en proxecto

Mapa que recolle os parques eólicos que están operativos ou en fase de tramitación na Costa da Morte (Infografía: Nós Diario).
Unha vintena de parques eólicos cérnese sobre a Costa da Morte, un territorio no que xa están operativos outros 24. Colectivos veciñais e ecoloxistas alertan das "graves afeccións" a espazos protexidos como os penedos de Pasarela e Traba, nunha comarca que vive principalmente do turismo rural e do sector primario.

Nos concellos que abrangue a Costa da Morte operan na actualidade 24 parques eólicos que suman no seu conxunto unha potencia instalada superior aos 200 megawatts (MW). Porén, a Consellaría de Economía está a tramitar 16 novos proxectos neste territorio, que se suman aos cinco que xestiona o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco), por superaren os 50 MW de potencia.

Estes últimos son os de Orzar, Tornado —ambos os dous de Greenalia—, Berdoias, Pedrabante —Iberdrola— e Cabazo —Green Capital Power—, e sobre eles penden senllos informes desfavorábeis da Xunta da Galiza; non acontece o mesmo, alomenos polo de agora, cos parques que tramita o Goberno galego, que insiste en que a tramitación dun proxecto "non supón a súa aprobación", e que se está a actuar "co máximo rigor" para conseguir un "desenvolvemento eólico ordenado e con todas as garantías técnicas, xurídicas e ambientais".

"Din que, aproximadamente, apróbase un de cada catro parques. Mais, de ser así, o impacto sobre a Costa da Morte seguiría a ser terríbel", sostén, en conversa con Nós Diario, a secretaria da asociación Petón do Lobo Ana Varela, que ten presentado alegacións contra todos estes proxectos.

Poligonais "sobredimensionadas"

Varela pon o foco na ampla extensión de terreos que abranguen boa parte das poligonais sobre as que se sustentarían estes parques eólicos, que nalgúns casos chegan aos "40 quilómetros cadrados". "A Xunta e as empresas defenden que non hai aeroxeradores dentro de espazos protexidos, mais non din nada das poligonais e as liñas de alta tensión que os invaden, como é o caso do proxecto das Salgueiras —Norvento—. Cómpre lembrar que a propia Lei do aproveitamento eólico de 2009 define a poligonal como a 'área efectivamente afectada pola instalación dun parque'", explica. As coordenadas da extensión de terreo que abranguen as poligonais inscríbenas as empresas no Rexistro da Propiedade.

Desde Petón do Lobo aférranse á Lei de Montes de 2012 para "dar a batalla" contra os eólicos: "Na exposición de motivos sinala a comarca de Bergantiños como un territorio chave para o sector forestal, pola súa contribución ao PIB e porque a súa vexetación axuda a cumprir as esixencias de descarbonización do protocolo de Kyoto", expón.

Ana Varela afirma que as empresas enerxéticas están a ofrecer unhas tarifas pola venda dos terreos que roldan os 89 céntimos de euro por metro cadrado: "A xente da Costa da Morte emigrou para poder mercar esas mesmas leiras, ninguén lles agasallou nada. E agora as empresas aprovéitanse de que é unha poboación envellecida e propoñen o mesmo prezo que ten unha goma de mascar ou unha cervexa", censura.

Paisaxes protexidas

A empresa EDP Renovábeis proxecta un total de 18 aeroxeradores, divididos en tres parques —Pena dos Mouros, Soesto e Monte Chan— que, segundo denuncia a veciñanza afectada, "arrodearía e afogaría os penedos de Pasarela e Traba", que constitúen unha paisaxe protexida e unha ruta pondaliana.

"O problema é que a Xunta non desenvolveu unha norma que delimite esas paisaxes, polo que non existe un límite, e o mesmo acontece coas zonas húmidas, xa que non hai ningunha inventariada", lembra Varela, para quen estes proxectos "terían que estar nos xulgados" polas afeccións que provocarían a "un monumento natural e paisaxístico". "O que está a acontecer na Galiza é propio dunha república bananeira", sentencia.

Os eólicos situaríanse nas lindes da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Costa da Morte, onde se ten detectado a presenza de especies vulnerábeis como a escribente das canaveiras ou o mazarico, que tamén carecen dunha zona de protección delimitada.

"Con estes parques non temos nada que gañar, porque os beneficios non redundan en nós, que quedamos só cos impactos negativos", asegura Lola Rontano, portavoz da Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra, que salienta que boa parte da veciñanza da comarca vive "do turismo rural ou dos sectores agrogandeiro e forestal". Rontano lembra que o repotenciamento do parque eólico Corme —Desarrollos Eólicos Corme—, en Ponteceso, provocou que a zona na que se retiraron parte dos muíños ficase nunha "situación lamentábel" da que a empresa non se fixo cargo.

"Sabemos que non van poder construír nos penedos, mais estamos preocupadas porque toda a fachada costeira si podería verse afectada e ten un alto valor patrimonial", conclúe.

Sobrado oponse ao parque Alto dos Borrallos

Noutra orde, o alcalde de Sobrado, Lisardo Santos (PSOE), trasladou nesta terza feira ao delegado do Goberno na Galiza, José Miñones, a oposición do seu concello ao parque eólico Alto dos Borrallos, ao considerar que se prevé erguer dous muíños "moi próximos a núcleos de poboación", o que causaría un "forte impacto negativo".