venres 25/06/21

A loita contra o "descontrol" eólico tensa o Parlamento

A oposición exixe no Parlamento galego un modelo enerxético respectuoso co medio.
A mobilización social do pasado 5 de xuño contra os macroparques resoou esta terza, 8 de xuño, no Parlamento (Foto: Arxina)
A mobilización social do pasado 5 de xuño contra os macroparques resoou esta terza, 8 de xuño, no Parlamento. (Foto: Arxina)

As protestas sociais que nas últimas semanas están a producirse na Galiza contra a construción de megaparques eólicos ao longo do territorio centrou o confronto entre oposición e Goberno nun pleno en que o PP impediu que pasaran ningunha das mocións presentadas pola oposición para frear o que esta considera un "descontrol" na instalación de megaproxectos eólicos. 

Os grupos do BNG e PSdeG insistiron no Hórreo en que o "clamor social" na Galiza contra a multitude de parques eólicos que se están a tramitar nestes momentos pola Xunta é "imparábel" e presentaron senllas  mocións de cara a protexer o territorio e avanzar nun novo modelo eólico sostíbel. 

Ampliación Rede Natura

O deputado nacionalista Luís Bará urxiu á ampliación da Rede Natura 2000 co obxectivo de protexer con esta figura 20% do territorio galego e achegarse así á media estatal e europea. Bará tamén instou a Xunta a aplicar o principio de precaución nas intervencións que poidan afectar o patrimonio natural, como é o caso das infraestruturas dos parques eólicos previstos en ecosistemas protexidos pola Directiva Hábitat.

Entre outras medidas, o nacionalista tamén defendeu a elaboración dun novo marco normativo que promova un modelo de desenvolvemento eólico "social, ecolóxico e racional, que protexa o territorio e as comunidades rurais". 

Piden un novo plan eólico

Na moción socialista, alén de coincidir en ampliar a Rede Natura, o deputado Martín Seco pediu á Xunta que “abra un proceso de negociación” para “chegar a un novo plan sectorial”, xa que o actual está "anticuado".

Así, incidiu na importancia de analizar o territorio, decidir onde se poden situar novas infraestruturas, determinar onde non, así como que regulamento debe seguirse ante a colocación destes muíños “que mudaron moito desde o inicio da súa instalación” nos anos 90. Seco urxiu a Xunta a “mellorar as rendas que chegan aos propietarios, equilibrando as negociacións entre promotores e propietarios”, ademais de crear unha “base pública de información de prezos alcanzados nas negociacións para informar a poboación”, xa que a implantación do eólico ten que ter “unha maior repercusión económica” nos concellos e nas comunidades do rural.

O compromiso da Xunta

Na réplica, a popular Marisol Díaz sinalou o "compromiso inquebrantábel" da Xunta coa protección do patrimonio, mentres que a súa compañeira de filas Marta Nóvoa acusou o PSOE de "volver situarse no lado dos que se opoñen a todo" e destacou que "o rural galego non necesita falsos salvadores".

"Están a tentar amedrentar a poboación con falsidades. Non todos [os megawatts de enerxía eólica en tramitación] van saír adiante, sairán os que cumpran", remarcou a popular.

Continúa a mobilización

Logo da marcha nacional que o pasado sábado percorreu Santiago contra os megaparques eólicos, a Plataforma SOS Monte do Gato Seselle realizará este sábado unha reunión informativa para dar a coñecer á veciñanza os seus dereitos.

Para o día seguinte, domingo 13, o BNG convoca unha marcha desde Forzáns, en Pontecaldelas, contra a instalación dos megaparques previstos na zona e que afectarán Soutomaior, Pontecaldelas e Pontevedra.

comentarios