"Estase a hipotecar o futuro das crianzas con necesidades especiais"

[Imaxe cedida pola entrevistada]

Conversamos coa xornalista Sonia Hermida, nai dunha crianza excluída dos campamentos de verán da Concellaría de Cultura da Coruña por precisar atención específica de profesionais de apoio. Hermida denuncia que o caso se repite nas actividades de outono organizadas no Ágora.

 

Sonia Hermida denunciou publicamente a discriminación da súa filla por parte do Concello da Coruña após ser excluída dun campamento de verán. Sen resposta por parte da administración, loita por que "isto non lle aconteza a ninguén máis" e por "facer visíbeis" as persoas con diversidade funcional para que, di, "teñan as mesmas oportunidades que calquera outra persoa".

Por que foi excluída a túa filla do campamento municipal do Ágora?
Solicitamos unha praza e entrou no sorteo, como os demais nenos. Tocoulle unha praza e após matriculala, iniciamos os trámites no Concello da Coruña para que se cubrisen as súas necesidades educativas de atención específica através dun apoio. Chamounos a directora do Ágora e díxonos que até onde ela sabía e podía facer, non había apoios. Dixo que non estaban orzamentados e que se queriamos podiamos solicitar outros campamentos. Eu díxenlle que non estaba de acordo con esa resposta, porque non me estaban a dar unha solución. Despois diso, dirixinme directamente ao alcalde e á Concellaría de Cultura --que é de quen dependen estes campamentos. Tiven unha xuntanza coa concelleira onde me trasladou toda a súa vontade por dar solución a esta cuestión. E aí quedou todo. 

"O Concello di que o 92% das actividades que organiza contan con monitores de apoio, mais non é certo"

Finalmente non se habilitou o apoio...
Díxoseme que ían buscar unha solución, pois eu tiña toda a razón. Déronme dúas posibilidades, através dun convenio ou unha figura administrativa que lle permitiría ao concello trasladar outro monitor desde unha outra área. Mais, pasou un mes e medio e ninguén me comunicou que houber ningún avanzo. Chamei de novo e, após pasarme coa directora do Ágora, ela dixo que non sabía nada dese tema porque a asociación coa que contactaran non dera resposta. Eu non entendía nada. Mesmo tentei facilitarlles o contacto dalgunha outra asociación e dixéronme que non precisaban dos meus contactos. Que estaban a solucionar o tema. Solicitei máis información através do rexistro mais non obtiven resposta. Cando saíu nos medios de comunicación, no mes de xullo, a resposta que deu o Concello da Coruña foi que o 92% das súas actividades contaban con apoios, porén, mentiron vilmente. Con toda a miña vontade e pecando de inocente fun falar co coordinador dos campamentos para ofrecer o apoio da familia para permitir que a nena participase no campamento. A miña sorpresa foi que rexeitaron ese ofrecemento. Dixéronme que tiñan a orde expresa de que a miña filla non fose ao campamento. Iso paréceme unha falta de respecto absoluta e unha discriminación. 

"A miña intención é presentar unha denuncia perante a Fiscalía mais estamos a estudar o caso"

Despois diso foi cando decidiches acudir á vía xudicial?
Estamos en contacto coa Asociación SolCon que se dedica a asesorar a persoas con diversidade funcional que padeceron algunha discriminación. A miña intención é presentar unha denuncia perante a Fiscalía como un caso evidente de vulneración dos dereitos dunha menor, mais estamos a estudar a mellor opción. 

Cales son as necesidades da túa filla? Son tan insalvábeis como para non atopar un apoio?
O que precisaba a miña filla é o apoio dunha persoa con formación que lle forneza anticipacións e estruturacións das actividades. É dicir, ver en que consiste unha actividade e desmiuzala en pasos pequenos anticipándolla através de fotografías e/ou linguaxe de signos. O idóneo para estes casos é que for un profesional mais eu xa me conformaba cunha persoa con certa formación que estiver asesorada. Non é insalvábel en ningún caso, o que existe é unha falta de vontade. O que procuramos agora é que non aconteza isto con ningunha outra persoa pois ningunha necesidade especial é tan insalvábel. 

Cando escollestes o campamento na documentación pública garántese que persoas con necesidades especiais poden facer uso dese servizo público?
Non, todo o contrario. Nos campamentos de verán e nas actividades de outono que organiza a Concellaría de Cultura, agora mesmo no Ágora, especifican claramente que non van pór monitores de apoio para nenos con necesidades educativas de atención específica. É dicir, van cometer unha inxustiza, unha discriminación, e avísante de que a van cometer. É aberrante que fagas algo mal e avises. Unha das excusas que deron aos medios de comunicación --que a min non-- foi que, segundo eles, polas características das actividades non podían ter apoios. Mais é que o campamento está centrado na tradición e a música galega. 

Nas actividades de outono que organiza a Concellaría de Cultura especifican que non van pór monitores de apoio para nenos con necesidades educativas de atención específica

Tivestes algunha resposta do Concello?
Nada. É máis, volvimos solicitar unha praza para as actividades de outono e moito nos tememos que, de obter unha praza, pode volver pasarnos o mesmo. E non fago isto porque me sobre tempo, senón porque quero que a miña filla poida participar nas actividades en igualdade de condicións que o resto dos nenos. Pois, a ela vai enriquecela e aos demais tamén. 

Tivestes coñecemento de que outras crianzas foran tamén excluídas polas mesmas razóns?
Si. Téñenme comentado de distintos casos que se silenciaron con algún tipo de solución de trámite e outras familias que decide non solicitar as prazas porque non quere complicar as cousas. Através de profesionais sei que hai casos en que se atenden os nenos como poden con monitoras e monitores que tamén saen prexudicados por non contaren con apoios. 

"Pedimos que lles dean o que lles teñen que dar porque os nosos fillos non son cidadáns de segunda"

Nas administracións estase a traballar realmente a prol da integración?
A miña filla ten 4 anos, polo que temos unha experiencia de pouco máis de dous anos. Neste tempo vimos que é todo o contrario e que é neste punto onde máis se está a recortar. As escusas sempre son as mesmas: 'non hai cartos', 'non hai orzamentos', 'non sabemos se imos ter profesionais de apoio'... O problema é que se está a hipotecar o futuro das nenas e nenos con necesidades especiais e diversidade funcional. Se non lles dan formación e apoios agora faranos inválidos no futuro. E non pedimos esmola, senón o que lles teñen que dar, pois son servizos que pagamos entre todas e os nosos fillos non son cidadáns de segunda.

Existe conciencia social e política a este respeito?
Houbo precisamente hai pouco en Madrid unha marcha a prol da visibilización das persoas con diversidade funcional. É unha das moitísimas revolucións que quedan. E que por distintas circunstancias é un colectivo que non foi quen de dala mais que aos poucos, pois en moitas ocasións é difícil rachar a barreira da vergoña. Hai familias que tentan ocultar as persoas con diversidade funcional para que non se saiba. Ás veces iso limitou moito que se fixeran visíbeis estas inxustizas e discriminacións. Temos que tentar entre todas e todos facer visíbel que este é un mundo cheo de xente moi diversa.