Unha nai denuncia que o concello da Coruña veta a súa filla nun campamento por ter discapacidade

A familia presentará unha denuncia ante a Fiscalía polo que xulgan como vulneración dos dereitos dunha menor con minusvalía

A familia dunha nena de 6 anos que ten diversidade funcional está valorando a hipótese de presentar unha denuncia contra o concello da Coruña por ter vetado a pequena nun campamento de verán. 

Nun comunicado de imprensa remitido aos meios, a familia informa de que o coordenador dos campamentos do Ágora se puxo en contacto con ela para lle comunicar que a nena non podía ser inscrita na actividade.

A nai da pequena, Sonia Hermida, afirma que no seu momento mantivo conversas coa directora do Ágora e coa concelleira de Cultura, Ana Fernández, encontros nos que se lle ofereceu a seguridade de que a nena podería participar con normalidade no campamento. O concello teríase comprometido a que a pequena fose atendida por unha monitora de apoio.

Segundo salienta a familia nun comunicado, os compromisos do concello ficaron en nada e agora comunícaselles, non por escrito, senón através dunha chamada telefónica, que a súa filla non podería participar con normalidade no campamento.

No seu blogue, Sonia Hermida, xornalista de profesión, afirma: "Sen palabras te quedas ante feitos kafkianos como o que estamos a vivir este verán. Horas de sono perdidas que espero que lle sirvan a alguén no futuro para que feitos coma este non se volvan a repetir. Chegados a este punto, despois das conversas surrealistas que tiven que vivir nos últimos días, xa me nego a darlle máis voltas a nada. Os feitos, feitos son, e xa só pido que se me dea todo por escrito e, repito, que rectifiquen no futuro".