O coronavirus provoca seis novas mortes no país

Un test de coronavirus nunha farmacia. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press)
Os falecementos, confirmados nas últimas horas, aumentan o número de vítimas mortais da pandemia na Galiza a 746. Tres dos pasamentos tiveron lugar na Coruña malia que o ritmo de contaxios xa sexa maior noutras áreas sanitarias.

O parte de afección do coronavirus na Galiza de mañá -a Xunta recolle os datos entre a noite dun día e a seguinte- será novamente tráxico despois de que nas últimas horas fontes da Consellaría de Sanidade confirmara o falecemento de outras seis persoas, chegando así ás 746 desde que o virus se deixou notar no país.

Os seis pasamentos producíronse en centros hospitalarios e, en xeral, as vítimas foron as grandes ameazas por esta pandemia: as persoas maiores. Moitas delas estaban vinculadas a centros residenciais.

Segundo explicou a Xunta, perdeu a vida polo virus unha muller de 90 anos que ficaba no Hospital de Verín e que era usuaria do xeriátrico de Santa María.

Tamén finaron polas complicacións provocadas sobre as súas patoloxías previas un home de 76 anos que era atendido no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e unha muller de 89 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Os outros tres falecementos rexistráronse ao longo desta xornada no municipio da Coruña. En concreto, dous dos mortos (homes de 66 e 87 anos) recibían atención médica no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

No último caso, a vítima (un varón de 89 anos) era paciente do HM Modelo Belén. Todas a excepción desta última vítima tiñan patoloxías previas.

Desde que se instaurou a nova normalidade na Galiza perderon a vida por esta pandemia 125 persoas. A primeira morte na segunda onda de contaxios tivo lugar o 7 de agosto, após de dous meses sen ter que lamentar ningún deceso.