Es positivo en Covid-19? Xa podes facer a autodeclaración na web do Sergas

Parte do formulario dixital que fornece o Sergas. (Foto: Web da Consellaría de Sanidade)
A Consellaría de Sanidade confía á poboación a autodiagnose e a posterior comunicación da enfermidade. No formulario habilitado solicita datos como os apelidos, o DNI, o municipio de residencia e a data de realización da proba do coronavirus.

A Consellaría de Sanidade comunicou esta sexta feira, 7 de xaneiro, a posta en marcha dunha web para que a poboación galega que faga pola súa conta unha proba da Covid-19 -xa sexa PCR ou test de antíxenos- e teña un resultado positivo comunique a enfermidade á Administración pública.

Malia que esta mesma semana a Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), reducía os supostos nos que faría os exames de saúde a contactos estreitos de persoas que sexan positivo por coronavirus, agora confía a notificación e, en consecuencia, certo seguimento do virus á poboación.

Facer a comunicación á Xunta non é un trámite obrigatorio, mais si se pode facer no portal habilitado a tales efectos.

O formulario que fornece o departamento que dirixe Julio García Comesaña pide unha pequena listaxe de datos para "declarar o positivo dun test de autodiagnóstico".

No caso de que queiras entrar no sistema de control da Xunta, podes facilitar a través desa páxina web o teu nome e apelidos, a data de nacemento e o DNI.

Chamadas sanitarias

Igualmente, demándase que se inclúa información como o teléfono móbil, o concello de residencia e a data na que se realizou a proba fóra do sistema de saúde público.

Segundo fontes do Goberno galego, ese paso previo dará lugar a unha chamada da Central de Seguimento de Contactos, que interrogará á persoa doente sobre os seus contactos estreitos. Tamén fornecerá certas instrucións para manter a corentena.

A porteriori, garanten que chamará o médico de familia ou pediatra "para tramitar a baixa ou atender os síntomas que presente" cada paciente. Volverá chamar sete días despois para saber do seu estado e, se é posíbel, tramitar a alta epidemiolóxica.

Para García Comesaña, o formulario ten a vantaxe de que "é moito máis áxil e rápido" que o sistema que se empregaba até o de agora.