A Xunta suprime a corentena para estudantes de máis de 12 anos que sexan contacto estreito dun positivo

Un grupo de crianzas nunha aula de educación infantil. (Foto: Europa Press)
O Goberno galego avanza, así, un novo paso na adaptación do protocolo pola Covid-19 nos colexios e institutos. A idea é camiñar cara as normas vixentes para a poboación xeral da Galiza. Analízase seguir a mesma liña cos menores desa idade.
As alumnas e alumnos de máis de 12 anos xa non terán que estar en corentena malia que sexan contacto dun positivo por coronavirus, sempre e cando xa conten coa vacinación completa.

Aliás, o Goberno galego puntualiza que este cambio no protocolo Covid dos colexios e institutos permitirá camiñar cara a mesma norma que rixe a sociedade en xeral.

Iso si, se as persoas estudantes desta idade non son asintomáticas si terán que atender ás restricións respecto ao illamento.

Se este é o teu caso, ou o dalgún familiar teu, o prazo de corentena pasará dos 10 aos 7 días, como xa acontece coas persoas adultas. En consecuencia, terán permiso para reincorporarse ás clases após unha semana na casa.

Así o comunicaron esta sexta feira os conselleiros de Educación e Sanidade, Román Rodríguez e Julio García Comesaña, respectivamente.

Aínda en análise

Interrogados sobre a posibilidade de que o protocolo sexa o mesmo para as crianzas de menos de 12 anos -en plena campaña de vacinación-, os representantes da Xunta comentaron que o asunto está en "discusión técnica" na Comisión de Saúde Pública.

Así, após o encontro, transcendeu que as aulas non serán fechadas por corentena en ningún nivel educativo agás no caso de que se superen as 5 persoas contaxiadas ou o 20% das asistentes.

Cobertura das baixas

Por outra parte, Rodríguez asegurou que se vai "garantir que os centros sexan espazos seguros" e que o curso se reinicie "coa máxima normalidade posíbel".

"Os nenos teñen menos riscos nas aulas e nos centros que nas súas casas", defendeu. Así mesmo, garantiu que as baixas no profesorado serán cubertas "dun modo inmediato".

No caso das universidades, trabállase nun sistema para que o alumnado contaxiado que non poida acudir a un exame "non perda o dereito para facelo".