Coronavirus na Galiza: 340 casos activos e só 4 persoas ingresadas

Test rápido de COVID-19 (David Zorrakino/EP).
Hai un total de 10.532 persoas curadas na Galiza. 

Nas últimas 24 horas non houbo ningún test positivo en COVID-19 na Galiza. Así, os casos activos de coronavirus mantéñense en 340, segundo traslada a Consellaría de Sanidade este domingo. 

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa que, na última actualización, deses 340 doentes de COVID-19, 109 son da área da Coruña, 17 da de Lugo, 24 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 140 da área de Vigo, 30 da de Compostela, e 12 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 4 están en unidades de hospitalización e 336 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI.

Entre os 340 casos que aínda permanecen activos hai 4 maiores que están nunha residencia e unha traballadora dun destes centros.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 10.532 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos. O número total de PCR realizadas é de 165.608 en todo o país.

Das 619 persoas falecidas, 274 son mortes ligadas ás residencias de maiores, nas que durante a xornada de onte non se rexistraron falecementos. En concreto, 132 persoas faleceron no centro xeriátrico no que estaban a residir e 142 fixérono en hospitais ou nas residencias integradas, segundo os datos da Consellaría.