Social

Traballadoras da residencia de Celanova "desbordadas" á espera da axuda do Exército

Instalacións da residencia en Celanova (San Carlos).
Solicitan axuda para desatascar a situación e aseguran que esta mañá había catro traballadoras para atender ás 54 usuarias desta residencia de maiores. 

As poucas traballadoras que restan sas na residencia de anciáns San Carlos de Celanova víronse "desbordadas" esta segunda feira para atender ás súas 54 usuarias, das cales 11 permanecen en illamento no propio centro tras coñecerse esta fin de semana que están infectadas por coronavirus.

Segundo explican a Europa Press fontes desta institución, iniciaron os trámites para solicitar a intervención "canto antes" do Exército de Terra Brilat "para que axuden, polo menos, con persoal sanitario" a desatascar a situación.

Nesta mesma segunda feira, pasadas as 13:30 horas, desprazouse até o centro unha dotación da Unidade Militar de Emerxencias (UME), pero o seu labor limitouse á desinfección do edificio.

Despois de que tamén unha ducia dos empregados dese positivo en COVID-19, os negativos (todos sometéronse ao test) denuncian que "non dan" con todo o traballo que teñen e que o levan "un pouco atrasado".

E é que, se normalmente adoita haber sobre seis ou sete empregadas para a atención directa das internas, ademais doutro persoal como enfermeiras e cociñeiras, esta mañá había "só catro persoas para 54 usuarias", comentan estas mesmas fontes.

No tocante á atención das usuarias, o alcalde do municipio, Antonio Puga, aposta pola súa recolocación noutro lugar onde poidan "recibir atención sanitaria", como un centro hospitalario ou, segundo mencionou, as dependencias da Fundación San Rosendo nos Milagros, tal e como se baralla.

A Xunta, segundo fontes consultadas por Europa Press, está "moi preocupada" pola residencia e calquera medida a respecto diso, ben implique un traslado ou un illamento, se adoptará, din, "sen demora".

Precisamente, na residencia San Carlos de Celanova vivía a primeira persoa con coronavirus que faleceu en Ourense, unha muller de 93 anos con patoloxías previas.