Convocan este sábado unha concentración en Sanxenxo para "rexeitar a visita" de Juan Carlos I

Juan Carlos I, a súa chegada a Vigo. (Foto: Raúl Terrel/Europa Press)
Sanxenxo é a localidade elixida polo rei emérito para volver ao Estado após case dous anos en Abu Dabi (Emiratos Árabes Unidos).

A chegada do rei emérito Juan Carlos I á Galiza espertou o rexeitamento en parte da poboación. Neste sentido, vén de convocarse unha concentración para este sábado en Sanxenxo, co obxectivo de "rexeitar a visita" do monarca Borbón.

Cartaz da concentración

A concentración terá lugar ás 12 horas na praza de Portugal de Sanxenxo, a carón da escultura do Aviador Piñeiro.

Tanto o Bloque Nacionalista Galego (BNG) como Galiza Nova chamaron nas súas redes sociais a sumarse á participación na concentración.

"Participa na concentración contra a impunidade e a corrupción da monarquía", manifesta a formación nacionalista, acompañado do cancelo #GalizaNonTenRei.

Chegada do rei a Sanxenxo

Sanxenxo é a localidade elixida polo rei emérito para volver ao Estado após case dous anos en Abu Dabi (Emiratos Árabes Unidos), para onde marchou —tamén desde Sanxenxo— en plena treboada  de escándalos financeiras na casa real. A poucos lles sorprende que Juan Carlos I  elixise esta localidade do Salnés para o retorno; aí ten dúas cousas que lle levantan o ánimo : a vela e o seu estreito círculo de adiñeirados amigos-admiradores.

O Borbón aterrou contra as 19.20 horas desta quinta feira en Vigo e, canda a súa filla infanta Elena, dirixiuse a Sanxenxo, onde permanecerá até o domingo, que viaxará a Madrid. Esta sexta feira ten unha recepción a modo de gran benvida no Club Náutico, preparada polo seu gran amigo Pedro Campos, un dos seus máis firmes apoios nos momentos máis duros para o rei emérito español.

A visita do emérito e a súa estancia estes días nunha vivenda perto da praia de Nanín mobilizará un dispositivo de seguridade cunha frota de vehículos, unha vintena de gardacostas e varios drons. Como apunta Ana, a veciña de Vilalonga, "xa podían repartir os cartos entre os parados, que en Abu Dabi non sei se hai, pero aquí uns cantos".