Convenio da Xunta para levar 360.000 xiringas a Cuba

Picada de Soberana 02, unha das cinco vacinas cubanas. (Foto: Joaquín Hernández / Xinhua News / Contactophoto)
A Xunta asina un convenio para a adquisición de xiringas, respondendo o chamamento de subministracións de material médico feito desde Cuba, que está a desenvolver cinco vacinas contra a Covid-19.

Malia desenvolver até cinco vacinas contra a Covid-19, o bloqueo económico de Estados Unidos contra Cuba dificulta á illa o acceso a subministración de material médico como as xiringas, o que levou a diversas solicitudes dirixidas á comunidade internacional.

Nesta liña, a Xunta da Galiza anunciou a sinatura dun convenio coa Asociación Solidariedade para o Desenvolvemento e a Paz “coa finalidade de adquirir 360.000 xiringas coas que vacinar contra a Covid-19 a poboación cubana”.

Este proxecto, ao que a Xunta dedica 30.000 euros, forma parte da Estratexia de resposta á Covid-19 da Cooperación Galega, e está orientado a dotar a Cuba “do material necesario para a vacinación”, iso si, con compostos “desenvoltos en Cuba polo Instituto Finlay e o Centro de Enxeñaría Xenética e Biotecnoloxía”, indica a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo. 

O Plan Anual 2021 de Cooperación Galega, no que se enmarca este convenio, conta cunha dotación de 7,4 millóns de euros, un 12% máis que en 2020, salienta a Xunta, que destaca o compromiso co IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, no que se estabeleceu en colaboración coas entidades de cooperación e axuda ao desenvolvemento un incremento anual deste monto cando menos do 11,4%.

Pola súa banda, Sodepaz é unha organización de ámbito estatal centrada “na cooperación para o desenvolvemento internacional, o comercio xusto e viaxes de turismo responsábel”, que conta con delegación na Galiza desde 1994. Sodepaz leva tres décadas de presenza en Cuba, apunta a Xunta, polo que respondeu ao chamamento da Administración cubana para conseguir as subministracións médicas.

Eficacia da vacina contra a variante Delta

Un estudo co composto contra a Covid-19 de Pfizer publicado na revista Immunity, amosou como a variante Delta é relativamente débil contra a vacina.

"Se tiveramos unha variante máis resistente como a Beta  mais que se propagara tan facilmente como a Delta, teríamos máis problemas", revelou Ali Ellebedy, un dos líderes da investigación da Facultade de Medicina da Universidade de Washington en San Luis (EUA).