domingo 25/07/21

A expansión da Covid-19 mantén o Estado en risco extremo

O Estado español permanece no nivel de risco extremo, cunha incidencia de 644 casos por cada 100.000 habitantes. Isto levou a varios territorios a retomar os toques de recoller, que nalgúns casos os tribunais están a desbotar. Aragón e Nafarroa solicitaron esta quinta feira o aval para poder aplicalo nas zonas de risco.
Praia da Malva-rosa (València) ateigada a semana pasada. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)
Praia da Malva-rosa (València) ateigada a semana pasada. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)

A quinta onda da pandemia da Covid-19, que xa fora advertida pola Organización Mundial da Saúde, está impactando nas estatísticas sanitarias do Estado na última semana, cun aumento do 48% das persoas ingresadas en Coidados Intensivos (UCI).

As hospitalizacións aumentaron neste período máis do 60%, informa o Ministerio de Sanidade, con 7.255 persoas nesta situación, mentres que as mortes subiron un 66%, con 123 persoas falecidas con coronavirus durante a semana e 81.166 desde a aparición da Covid-19.

En sete días notificáronse case 180.000 casos, 300.000 nos últimos 14, cunha incidencia que chega até os 644 casos por 100.000 habitantes, manténdose no nivel de risco extremo no que o Estado español entrou a comezos de xullo.

Esta incidencia a 14 días está especialmente desbordada entre a mocidade, con 1.560 casos entre as persoas de 12 a 19 anos e 1.866 no grupo de idade de 20 a 29 anos.

Retorno das restricións

Para afrontar a situación xerada con estes datos, os territorios do Estado están poñendo en marcha distintas restricións. O toque de recoller foi avalado polos tribunais en Catalunya, Cantabria e o País Valenciá para os concellos cun estado epidemiolóxico de risco moi alto, ao tempo que o Tribunal Superior de Xustiza de Canarias rexeitou a medida.

Esta quinta feira, Nafarroa e Aragón solicitaron o aval xudicial para aplicar a mesma medida. No caso do territorio vasco sería un toque de recoller nos fins de semana, nos días festivos e nas xornadas nas que estaban organizadas festas nos municipios con risco moi alto, tras rexeitar os tribunais que se fixera extensivo a todas as vilas con risco moi alto. En Aragón proponse aplicalo a catro concellos.

En Asturies, a previsión de que este fin de semana a ocupación hospitalaria pase de baixa a media levou o Goberno territorial a anunciar a solicitude para aplicar o toque de recoller a partir de agosto nos concellos cunha incidencia superior a 350 casos.

comentarios