Continúan as suspensións do TSXG de eólicos: Os proxectos suspendidos ascenden xa a 15 tras a sentenza do Supremo

Fileira de eólicos na serra do Candán, na comarca do Deza (Foto: Arxina).

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza basea en posíbeis "graves danos" ao medio ambiente

A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acordou a suspensión da autorización administrativa previa e de construción outorgadas pola Xunta da Galiza a dous polígonos eólicos máis. En concreto, trátase dos chamados Serra do Faro Ampliación II —entre os municipios de Piñor e Cea (O Carballiño) e Dozón e Rodeiro (Deza)— e As Penizas —entre Forcarei e Cercedo-Cotobade, na fronteira das comarcas de Pontevedra e Terra de Montes—.

Deste xeito, as paralizacións ascenden a unha quincena despois de que o alto tribunal galego “adaptara" os seus criterios á doutrina do Supremo de finais de 2023, que rexeitou dúas das causas que o TSXG empregaba para a paralización destes proxectos. Agora, decídese esta medida cautelar con base en posíbeis "graves danos" ao medio ambiente.

A decisión do TSXG foi criticada tanto pola Xunta —que xa avanzou que recorrerá as sentenzas ante o Tribunal Supremo— como pola patronal eólica e o empresariado galego, que cualificaron as consecuencias da suspensión como de “extrema gravidade”.

Por unha banda, o TSXG suspende a resolución de abril de 2023 da Xunta deu luz verde á construción da segunda ampliación do parque eólico Serra do Faro, promovido por Pena da Costa Eólica SL. No auto, a Sala indica que as obras, "pola súa propia natureza e a interacción coa contorna", son susceptíbeis de causar "un grave dano a valores ambientais sensíbeis", pois foron "sinalados previamente por informes rigorosos e imparciais incorporados polo Ministerio de Transición Ecolóxica", segundo fixa, "tanto na afectación a hábitats prioritarios e de interese comunitario como de especies ameazadas".

Por iso, os maxistrados indican que, "obrando co principio de cautela", ante a "simple hipótese de que ese dano poida ser de difícil ou imposible reparación, algo que non é posíbel demostrar cunha proba plena até que o dano está producido", optan por "apreciar a concorrencia dese orzamento fundamental da tutela cautelar, que pode facer ineficaz a sentenza que no seu día se dite, se o dano está irremediabelmente causado". Ademais, neste caso, a Sala entende que, na ponderación de intereses en conflito, a protección do medio ambiente ha de ser prevalecente en sede cautelar.

Sen estudo de afectación ao lobo

No tocante ao caso das Penizas, impulsado por Greenalia, a sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG tamén acolleu a solicitude de medida precautoria contra a autorización da Xunta de construción outorgada en 2023.

A Sala considera indiciariamente acreditado que, aínda que non se produce a implantación do parque en espazo protexido, "si existe unha afección paisaxística clara, dada a proximidade da poligonal co contorno das áreas protexidas". Resulta relevante neste campo, segundo o auto, "a inclusión do espazo da poligonal eólica na área cualificada como de exclusión eólica polo Mapa de Zonificación Ambiental elaborado polo Ministerio de Transición Ecolóxica".

En canto ás especies ameazadas ou en perigo de extinción, o TSXG considera "indiciariamente acreditada a presenza de lobo na contorna do lugar onde se vai a executar o proxecto, sen que se realizara un estudo previo sobre os lugares de encame e encontro, que tampouco se describen nin se deixan acreditados".