Continúan en descenso os casos activos de covid e os ingresados, mentres os contaxios baixan a 23

Varias clientas nunha terraza da Mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Galiza comeza a ponte cun novo descenso dos casos activos de covid-19. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en catro das sete. A de Ourense-Verín-O Barco queda sen pacientes covid en unidades convencionais

Galiza comeza a ponte cun novo descenso dos casos activos de covid-19, que se sitúan en 554, e nos hospitalizados, que descenden a 40 -dous menos que a xornada anterior-. Mentres tanto, os novos contaxios por coronavirus detectados baixan a 23.

No que respecta á presión hospitalaria, segundo os datos publicados na mañá deste sábado pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da sexta feira, hai 31 persoas ingresadas en planta -unha menos- e nove en unidades de coidados intensivos (UCI) -unha menos-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en catro das sete. A de Ourense-Verín-O Barco queda sen pacientes covid en unidades convencionais (-1), aínda que se mantén cun na UCI.

Na de Santiago-O Barbanza, baixan a seis as persoas con coronavirus en planta (-1) e segue unha persona en críticos; e en Pontevedra-O Salnés, quedan un en unidades convencionais (-1) e outro na UCI. Á súa vez, os hospitais da área de Ferrol conseguen quedar de novo sen ingresados por covid-19.

Mentres tanto, a área sanitaria da Coruña-Cee mantense con 15 hospitalizados, ao compensar a baixada nos pacientes en coidados intensivos a tres (-1) coa subida en planta a 12 (+1).

No lado oposto, con aumentos da presión asistencial, están as áreas de Vigo, con sete enfermos covid en planta (+1) e ningún en críticos; e Lugo-A Mariña-Monforte, que contabiliza cinco en unidades convencionais (+1) e tres en coidados intensivos.

Nova baixada de casos activos

Galiza afronta o sábado da ponte de outubro, o primeiro en niveis de 'nova normalidade', con tendencia descendente dos casos activos que caen até os 554, que implican 35 menos que os rexistrados a xornada anterior.

Esta baixada replícase en cinco das sete áreas sanitarias (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago), mentres que nas outras dúas (Ferrol e Vigo) se manteñen estábeis.

A área sanitaria da Coruña mantense na cabeza con 152 infectados (-9), seguida da de Vigo con 110. As restantes contabilizan menos dun centenar de enfermos covid: Ourense con 95 (-17), Lugo con 85 (-7), Santiago con 61 (-2), Pontevedra con 43 (-1) e Ferrol con só oito.

Descenden os contaxios 

Os novos contaxios de covid-19 detectados nas últimas 24 horas descenderon a 23, despois de tres días consecutivos ao redor da trintena.

De novo os 23 positivos foron detectados por proba de infección activa, sete deles na área de Vigo; cinco na de Pontevedra; catro na da Coruña; tres na de Lugo; dous nas de Ferrol e Ourense; e ningunha na de Pontevedra.

Deste modo, na Galiza os contaxiados desde o inicio da pandemia ascenden a 182.525, dos cales 43.127 corresponden á área da Coruña; 37.667, á de Vigo; 26.962, á de Santiago; 21.752, á de Ourense; 21.432, á de Pontevedra; 19.953, á de Lugo; e 11.627, á de Ferrol.

Segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade na tarde da sexta feira, a incidencia acumulada de Galicia a 14 días se reduce a 17,95 casos por 100.000 habitantes.

PCR

Na Galiza leváronse a cabo desde o inicio da pandemia 2.855.867 PCR, o que implica que no último día se realizaron 1.557 probas, unhas 400 menos que as feitas a xornada anterior.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 tests- descendeu a un 0,4%. Por iso, segue por baixo do 5% que a OMS determina como limiar para considerar controlada a pandemia.

Falecementos e altas

As persoas falecidas diagnosticadas con covid-19 desde o inicio desta pandemia en toda Galiza mantéñense en 2.640 ao non notificar onte a Consellaría de Sanidade novas vítimas.

Mentres, 179.365 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse desde o comezo desta crise sanitaria, que supoñen 58 máis que as rexistradas até o día anterior.