Opinión

Normalidade

[Xesús M. Piñeiro]

O conselleiro de Sanidade anunciou onte que Galiza está volvendo á ‘normalidade’. Un concepto que se aplica para se referir a que ocupacións e capacidades de sectores e actividades volven aos niveis de antes da irrupción da pandemia da Covid-19. A ‘normalidade’ é, pois, iso: volver a antes de 2020. 

Mais para moitos e moitas non había xa ‘normalidade’ antes de 2020: a crise era real e xa daquela máis da metade dos fogares recoñecían chegar con dificultade ou moita dificultade a fin de mes. Daquela xa as listas de espera na sanidade pública eran para se arroibar e a situación no ensino público era a lóxica para un servizo que levaba unha década a sufrir recorte tras recorte.

Neste ano e medio foi moito o que se perdeu: máis de 2.600 persoas faleceron na Galiza por mor da Covid-19 e hai moitas que aínda están a se recuperar da enfermidade.

Deixar atrás a pandemia debería implicar tamén dar pasos cara a unha outra Galiza, á altura dos compromisos e esforzos que durante estes meses desenvolveu o pobo galego.

Comentarios