VIOLENCIA MACHISTA

"Continúa encomendándoselle á vítima case por completo a súa protección"

[Imaxes GZFoto]

A Secretaría de Seguridade do Ministerio do Interior aprobou un novo protocolo para mulleres en situación de violencia machista.

Na Galiza rexístranse, até o 31 de xullo de 2016, segundo o Sistema de Vixianza de violencia machista (VioGén) 22.276 mulleres vítimas de violencia de xénero. Dos 23.872 casos recollidos polas FSE a maior parte deles (18.647) permanecen inactivos, isto é, "por determinadas circunstancias considérase que, temporalmente, non é preciso" que sexan "obxecto de atención policial". Daqueles que si están activos (2.914) en 1.914 as autoridades non aprecian risco mentres que en 763 este é "baixo", en 226 "medio", en 10 "alto" e nun é "extremo". 

Co obxectivo de mellorar a protección das mulleres en situación de violencia machista o Ministerio do Interior publicou o 21 de agosto un novo protocolo para a valoración policial do risco e de xestión da seguridade das vítimas. Entre as novidades que se inclúen nas ferramentas empregadas polas unidades policiais atópanse dous novos formularios de valoración do risco nas situacións de maltrato deseñados, segundo explicou Interior, "tendo en conta as mudanzas que se produciron desde 2007, data da posta en funcionamento de VioGén, contemplando indicadores como o uso xeralizado de internet e das redes sociais" e "tamén as formas incipientes de violencia de xénero detectadas entre os adolescentes, a realidade das mulleres maltratadas con discapacidade ou a necesaria e complexa abordaxe da seguridade dos menores de idade a cargo das vítimas". 

Dos 23.872 casos recollidos polas FSE na Galiza a maior parte deles (18.647) permanecen inactivos, é dicir, non contan con atención policial

Obradoiros de autoprotección e sinais coa veciñanza

Aliás, inclúe unha serie de recomendacións dirixidas ás mulleres en situación de violencia machista tales como levar con elas sempre un teléfono móbil no que teñan instalada a aplicación AlertCops ou outras semellantes; realizar cursos de autodefensa, preparar unha habitación segura, cambiar as fechaduras das portas ou acordar coa veciñanza de maior confianza, e mesmo as crianzas, sinais que alerten do perigo como correr as cortinas, ter unha luz acesa ou facer unha chamada telefónica de dous tonos. 

Os consellos, que deberán ser trasmitidos polas forzas de seguridade, e foron concibidos en virtude do nivel de risco detectado en cada caso. Neste senso, tamén recomendan "non ir soas almorzar ou xantar" e non facer o mesmo traxecto para ir ao centro de traballo, non ir soas até o medio de transporte que usen para se desprazar ou mesmo que pidan ser trasladadas de centro de traballo ou de horario. 

Para casos de risco elevado aconsellan adestrarse nunha "ruta de escape de emerxencia", ter preparada unha mochila para unha eventual fuxida coa documentación, chaves e roupa. Porén, en casos de risco extremo a recomendación é cambiar de domicilio. 

A realidade dunha muller víctima de violencia machista e, ainda a día de hoxe, unha gran descoñecida

Desde a Asociación luguesa Sí hai saída de apoio a mulleres en situación de violencia machista aseguran que "baixo o noso punto de vista, baseado sempre en experiencias reais e vividas día a día coas mulleres que acuden a nos, detectamos que algunha das medidas que este protocolo aconsella son, senon inviables, si moi difíciles de levar a cabo, e denotan que ainda existe un notable descoñecemento da situación real das mulleres maltratadas, tanto nos aspectos anímico e psicolóxico como a hora de valorar os recursos, a miudo moi exíguos ou mesmo inexistentes, dos que dispoñen, para adoptar tales medidas". 

Aliás, advirten que "continúa enconmendándoselle á vítima case por completo a súa protección". "Consellos como habilitar e dispoñer dunha “habitación do pánico”e pactar sinais cos nenos e veciños para que entendan que deben pedir axuda, son dous exemplos de que a realidade dunha muller víctima de violencia machista e, ainda a día de hoxe, unha gran descoñecida, xa que, algo que a priori semella ser moi sinxelo, pode chegar a ser un mundo para a víctima e, porén, totalmente irrealizable", sinalan. 

"Unha muller nesta situación sempre está baixo a vixiancia férrea do seu maltratador, polo que a adaptación dunha habitación destas características chega a ser imposible, tanto por este motivo como, en moitas ocasións, polas propias particularidades da vivenda, por non mencioar que gran parte das agresións prodúcense por sorpresa e no momento mais inesperado, polo que a capacidade de reacción e prácticamente nula", acrecentan. 

Unha muller nesta situación sempre está baixo a vixiancia férrea do seu maltratador

O SUP denuncia a falta de medios

Tamén o Sindicato Unificado de Policía (SUP) criticou algúns dos aspectos do sistema de valoración do risco, un programa informático que as máis das veces tramitan axentes das Unidades Familiares e Muller (UFAM) agás en fins de semana, feriados ou durante a noite cando a atención das vítimas recae en persoal non especializado. Así as cousas, cumpre lembrar que a formación específica apenas son "cinco mañás" de curso, como explicaba a Sermos Galiza Álex Gómez, axente da Policía española. Ao igual que el, o SUP lembra asemade a sobrecarga de traballo en materia de violencia machista pois "quintuplica o recomendado". 

Así mesmo e igual que Sí hai saída o SUP critica a "fría" ferramenta informática empregada para avaliar o risco polo que propoñen a creación de equipas multidisciplinares para paliar as actuais carencias. 

Cumpre lembrar que das 29 mulleres que, segundo os dados do Ministerio de Sanidade español, foron asasinadas pola violencia machista no que vai de ano 12 presentaran denuncia e, nalgún caso, mesmo contaban con ordes de protección e/ou de afastamento en vigor.