A violencia machista atinxe dúas veces máis as mulleres con discapacidade

Fotografías da guía : Anxo Resúa Calo e Martín Pérez Fernández

O 35% das mulleres con discapacidade experimentou violencia sexual e/ou física nalgún momento segundo os dados publicados por Acadar.

A Asociación de mulleres con discapacidade de Galiza (Acadar) editou a guía Violencia contra as mulleres con discapacidade, ver e recoñecer os sinais. Un documento no que definen e describen as distintas formas de violencia, física, sexual e estrutural mais tamén psicolóxica, económica, obstétrica e cultural. 

A guía, concibida como unha ferramenta para recoñecer situacións de violencia, inclúe tamén e por vez primeira estatísticas oficiais a respeito da porcentaxe de mulleres con discapacidade en situación de violencia machista, unha realidade que duplica a das mulleres sen discapacidade. De facto, a violencia física severa por parte da parella atinxiu o 12% das mulleres con discapacidade fronte ao 6,4% daquelas que non contan con ningunha forma de diversidade funcional. 

Tres de cada dez mulleres con discapacidade sufriu violencia psicolóxica emocional

Aliás, segundo o estudo realizado por Acadar coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade, o 35% das mulleres con discapacidade experimentou violencia sexual e/ou física nalgún momento sendo que dúas de cada dez recoñece ter sufrido esta forma de violencia por parte dunha parella actual ou anterior. A respeito da violencia psicolóxica a cifra elévase a tres de cada dez, quer en situacións de control, quer emocionais como berros, insultos e humillacións. 

Desde unha perspectiva xeral a proporción de mulleres con discapacidade que viviu violencia física, sexual, económica e psicolóxica por parte das súas parellas "é o duplo que a das mulleres sen discapacidade". Isto é, fronte ao 5% das segundas, case o 11% das mulleres con discapacidade están ou estiveron en situación de violencia por parte dunha parella anterior ou actual. 

O xénero constitúe unha variábel que afonda nesa desigualdade e que supón discriminación múltiple e multisectorial para as mulleres con discapacidade

Intersección

"As mulleres e as nenas con discapacidade acostuman estar expostas a un risco maior de violencia, de lesións ou abuso, de abandono ou trato neglixente, de malos tratos ou de explotación”, recolle a Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, asinada na cidade de Nova Iorque en decembro de 2006. E é que, para alén "das dificultades para o desenvolvemento e a plena participación que afectan a todas as persoas con discapacidade, o xénero constitúe unha variábel que afonda nesa desigualdade e que supón discriminación múltiple e multisectorial para as mulleres con discapacidade que e son máis vulnerables á exclusión social e á pobreza", sinala a guía editada por Acadar. 

Violencia cultural

Neste senso, as estatísticas sinalan a porcentaxe de mulleres en situación de violencia cultural. É dicir, aquela que se produce por mor do ideario relixioso, das LGTBifobias, da indiferencia e a invisibilización da persoa mais tamén pola negación do dereito, a falta de credibilidade, a sobreprotección, a mágoa social, a ocultación da persoa ou a invasión da intimidade, entre outros indicadores. 

Desde Acadar sinalan que "as mulleres con discapacidade que non partillan as tarefas do fogar con outras persoas da casa viviron violencia en maior proporción que as que si as comparten". De facto, o 45,8% destas. 

Nunha reportaxe publicada no número 168 do semanario en papel afondamos na negación da sexualidade ás persoas con discapacidade nun artigo intitulado 'Diversidade funcional e dereito ao pracer'.