Unha de cada tres mulleres sofre violencia machista no mundo

[Imaxe ONU]

As cifras. Facemos unha radiografía do que acontece na Galiza, o Estado español, a UE e Portugal a respeito do feminicidio. 

No Estado español foron asasinadas nos últimos catro días tres mulleres. Unha en Benidorm (País Valenciá) de identidade descoñecida até o momento e 48 anos de idade; Tatiana Vázquez Abuín en Lugo (24 anos) e Cristina, de 36 anos, en Sant Feliu de Llobregat (Barcelona).

Desde 2003 foron asasinadas 840 mulleres no Estado español e 432 en Portugal desde 2004

En total suman 14 mulleres no que vai de ano, segundo as cifras oficiais, á espera de se confirmaren os casos de Tatiana e Cristina, aínda en proceso de investigación que elevarían a 16 as estatísticas. Unha media de 4 mulleres ao mes

O pasado ano, o número de mulleres asasinadas pola violencia machista no conxunto do estado foi de 60, de acordo cos dados fornecidos polo Ministerio de Sanidade español

 

Na última década a cifra oficial ascende a 640 mulleres, 840 se ollamos os dados desde 2003. Cumpre lembrar que de acordo coa tipificación legal do delito de violencia machista só se computa como tal aquela que se produce no marco dunha relación afectivo-sexual, fican fóra dela, por exemplo, o asasinato de Amaia e Candela (Moraña) en 2015 polo seu pai ou o de Adela Ramos en 2014, en Cervo, a mans do seu xenro. 

O número de mulleres asasinadas no Estado español en 13 anos é superior ás persoas asasinadas pola organización armada ETA en 42 anos de actividade (829).

Na Galiza en 2015 rexistrouse o maior número de asasinatos machistas desde 1999

Na Galiza, o pasado ano 2015 rexistrouse o maior número de feminicidios desde que o IGE publica esta estatística, 1999. Isto é, as 8 mulleres asasinadas no noso país resultaron a cifra máis elevada no que levamos de século.  Desde que comezou 2016 na Galiza rexistráronse dous asasinatos machistas, o de Tatiana Vázquez (Lugo) e Ana Gómez (Becerreá), para alén dun intento de feminicidio por arma de fogo en As Pontes. 

Así as cousas, malia as cifras, non foi convocado órgao político algún nen tampouco ningunha forza política con representación parlamentar no Estado español solicitou que se fixese, para alén de chamadas puntuais a un "pacto de estado" en materia de violencia machista con motivo da noticia dun novo asasinato. 

O contexto global

Porén, o Estado español non é un caso excepcional. A violencia machista "física ou sexual" atinxe, segundo os dados das Nacións Unidas, "unha de cada tres mulleres". Principalmente, acrecenta o estudo, "a mans do seu compañeiro sentimental". Nese caso, atinxe "dúas de cada tres mulleres" no mundo. Así o reflicte o informe The World's Women (2015). 

A ONU sitúa en unha cada tres as mulleres en situación de violencia física ou sexual

En termos rexionais, a violencia contra as mulleres atinxe entre o 7-32% das norteamericanas, o 13-46% das europeas, o 6-69% das asiáticas, o 6-64% das africanas e o 17-68% das mulleres de Oceanía. 

A UE

A respeito dos Estados membros da UE a realidade reprodúcese de igual maneira. Segundo a estudo publicado pola Axencia europea de dereitos humanos en 2014 o 43% das mulleres dos 28 sufriu algún tipo de violencia psicolóxica por parte do seu compañeiro sentimental ao longo da súa vida. Así as cousas, a propia Axencia recoñece que a dispoñibilidade de dados é "limitada" en boa medida por unha consideración moi diversa do que é violencia psicolóxica e/ou física en virtude das lexislacións de cada estado. 

Nos países da nosa contorna as cifras do Estado español semellan ser das máis baixas a respeito dos casos de violencia machista (física ou sexual) situándose por baixo do 15% en relación ao número total de mulleres maiores de 15 anos. Porén, o estudo realizado pola Axencia europea de dereitos humanos recolle as denuncias e non os asasinatos. Neste senso, os países nórdicos (Finlandia, Dinamarca) que reflicten as taxas máis elevadas de violencia contra as mulleres (por riba do 30% da poboación feminina) son tamén os territorios onde máis denuncias se presentan, como lembraba na altura ao fío da publicación do informe a integrante do Observatorio da Mariña pola Igualdade, Luísa González en conversa con Sermos Galiza

Portugal

Aproximando o foco á nosa realidade, o país veciño amosa unha fotografía semellante á do Estado español. En Portugal, foron asasinadas en 2015 29 mulleres en 2015, cumpre lembrar que a poboación total portuguesa é de 10.562.178 persoas de acordo co censo de 2011. 

Na última década foron asasinadas 392 mulleres en Portugal

Nos últimos dez anos foron asasinadas, segundo o relatorio anual do Observatório Mulheres Assassinadas elaborado pola União de Mulheres Alternativa e Resposta (UMAR), 392 mulleres. Trátase de cifras oficiais recoñecidas polo goberno portugués que sumarían desde 2004, 432. 

Isto é, unha media de 2,4 mulleres ao mes asasinadas pola violencia machista en Portugal ou o que é o mesmo, un promedio de 39 mulleres ao ano

Ao fío da publicación do relatorio a portavoz da UMAR, Elisabete Brasil, lamentaba en declaracións recollidas pola axencia de noticias EFE, a escaseza de estudos científicos a respeito da violencia contra as mulleres en Portugal o que "dificulta", di, "afondar na súa análise e realizar comparativas con outros países europeos". Porén, o informe elaborado pola UMAR debulla polo miúdo cada un dos feminicidios e intentos de feminicidios rexistrados anualmente, describindo aliás a idade, relación, situación laboral, arma empregada e lugar de residencia de cada caso. 

Fe de grallas. Inicialmente o artigo sinalaba que María José Suárez non computaba como vítima de violencia machista. Porén, foi a súa nai, Adela Ramos, a que non foi contabilizada polas administracións públicas como tal ao ter sido asasinada polo seu xenro.