A contía da renda galega de inserción é das menores de todo o Estado español

Contía mensual das Rendas Mínimas de Inserción nas comunidades autónomas do Estado español. (Infografía: Nós Diario)
As persoas beneficiarias da Risga percibiron unha axuda mensual de 423,68 euros. Unha contía que se sitúa á cola do Estado en concepto de Rendas Mínimas de Inserción, só por diante de Madrid. A Xunta da Galiza reduciu o investimento na materia en 9,32 millóns en 2021, última anualidade con datos publicados.

A Renda de Inclusión Social da Galiza (Risga) é unha prestación pública promovida e impulsada polo Goberno galego destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen carece deles, así como a lograr progresivamente a súa autonomía e integración social e laboral. Na mesma dirección e cos mesmos obxectivos que a Risga, existen programas de natureza análoga no resto dos territorios do Estado español, denominados todos eles Rendas Mínimas de Inserción (RMI).

A contía da renda de inserción galega sitúase á cola do Estado español. Segundo os datos achegados polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2023 para 2021, último ano con cifras dispoñíbeis, as persoas beneficiarias da Risga percibiron unha axuda mensual de 423,68 euros, colocándose 67,13 euros por baixo da media estatal.

Así, a cantidade recibida durante unha anualidade por unha persoa residente na Galiza e perceptora dunha RMI é inferior en 805,5 euros á do conxunto do Estado español.

Madrid e Galiza

As cifras achegadas polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2023, procedentes da Intervención Xeral da Administración do Estado (IGAE), dependente do Ministerio de Facenda, indican que só a cidadanía madrileña percibe unha prestación en concepto de Renda Mínima de Inserción inferior á das galegas e galegos. Neste sentido, o Goberno de Madrid achega 400 euros ao mes a cada unha das persoas que reciben prestación.

A cantidade ingresada por unha galega ou galego perceptor da Renda Mínima de Inserción é 282,54 euros ao mes inferior á que recibe un vasco; 240,32 euros ao mes inferior ao dun catalán; 213,05 euros ao mes inferior ao dun navarro; 206,32 euros ao mes inferior ao dun valenciano; 141, 22 euros ao mes inferior ao dun estremeño e 101,32 euros ao mes inferior ao dun castelán manchego.

O investimento destinado pola Xunta da Galiza nos seus orzamentos para facer fronte a esta prestación descendeu nos últimos anos. Segundo os datos dun informe que vén de publicar a Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, ao que tivo acceso Nós Diario, só en 2021 as partidas dedicadas polo Goberno galego para atender as Rendas Mínimas de Inserción reducíronse en 9,32 millóns de euros, o que supón unha rebaixa de 17,6%.

A caída do gasto público en Rendas Mínimas de Inserción situouse na Galiza por riba da media do Estado, que marcou un saldo positivo de 2,1%. Neste sentido, a maioría das comunidades reduciron o investimento nesta materia, só incrementando o gasto País Valencià, Catalunya, Canarias, Illes Balears, Nafarroa e Euskadi.

A citada asociación sinala que "estes datos poñen de manifesto que moitas comunidades desmantelaron ou están a desmantelar o seu sistema de protección ás persoas e familias en situación de exclusión social". Neste sentido, lembra que "non é o mesmo pobreza que exclusión social. Pobreza é só carencia material. A exclusión social débese, en palabras do anteproxecto de Lei de Servizos Sociais, á "acumulación de vulnerabilidades e á imposibilidade de saír sen apoios da devandita situación".

A entidade de profesionais dos servizos sociais defende que "as Rendas Mínimas de Inserción deben orientarse a apoiar ás persoas e familias con axudas económicas e con acompañamento profesional". Nesa dirección, reclaman ás comunidades autónomas que o "aforro que supuxo a implantación do Ingreso Mínimo Vital (IMV) sexa destinado a reforzar os seus programas de inclusión social", ampliando os fondos destinados  ás políticas de benestar.

Caída no número de persoas perceptoras da Risga

As persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social da Galiza reducíronse no ano 2021 en 26,2%. Se á volta de 2020 sumaban 27.524 persoas, un ano despois reducíanse a 20.313 nun contexto de incremento da pobreza no país. Nesa anualidade a poboación nesa situación aumentou, segundo a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado español, en perto de 44%.

As políticas sociais do Goberno galego

A diminución da contía da Renda de Inclusión Social da Galiza e a caída dos seus perceptores explícanse no marco dunha redución dos fondos destinados a gasto social. En 2021, o Goberno galego baixou o investimento social en 7,23% en relación coa anualidade anterior.