Galiza é a comunidade do Estado onde máis medraron os salarios no ano 2022

O poder adquisitivo caeu de media na Galiza en 2021 nun 6%. Neste sentido, as estimacións para 2022 e 2023 adiantan unha tendencia semellante, o que provocaría unha baixada no poder de compra próxima ao 20%. Aínda así, Galiza é a comunidade de todo o Estado español onde máis medraron os salarios en 2022.
Porcentaxe dos aumentos salariais nas comunidades do Estado español desde xaneiro a novembro de 2022 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Porcentaxe dos aumentos salariais nas comunidades do Estado español desde xaneiro a novembro de 2022. (Infografía: Nós Diario)

Os salarios incrementáronse de media na Galiza no ano 2022 en 4,83%. Segundo os datos achegados polo Consello Galego de Relacións Laborais sobre a negociación colectiva na Galiza nos primeiros 11 meses do pasado ano, as retribucións aumentaron en 3,82% na Coruña, en 3,79% en Lugo, en 2,25% en Ourense e en 5,47% en Pontevedra.

A maiores, as alzas salariais foron de 6,56% naqueles convenios negociados fóra do ámbito provincial, destacando entre estes últimos os acordados para o sector da conserva ou do procesado de peixe.

O informe sobre a negociación colectiva do Consello Galego de Relacións Laborais sinala que ao longo de 2022 asináronse 85 convenios novos e revisáronse outros 18, beneficiando 165.057 traballadoras e traballadores. O salario de 16.948 destas persoas está fixado por un convenio de empresa e o das outras 148.109 por un convenio sectorial, rexistrándose neste caso unha alza salarial de 4,89%.

Asemade, o relatorio destaca que o incremento das retribucións é 3,13 puntos superior á anualidade de 2021.

Tras Galiza sitúase Euskadi

A Galiza liderou a suba dos salarios no Estado español en 2022. A continuación, situouse Euskadi, cun incremento nos 11 primeiros meses do ano de 4,57%, localizándose as maiores subas en Gipuzkoa, con 5,73%, e rexistrándose as menores naqueles convenios de ámbito estatal aplicábeis ás traballadoras e traballadores vascos. Segue a Galiza e a Euskadi na listaxe Nafarroa, cunha alza salarial no pasado exercicio de 4,49%.

Neste sentido, o secretario de Negociación Colectiva da CIG, Francisco Sío, sinala a Nós Diario que “Galiza, Euskadi e Nafarroa coinciden na súa alta conflitividade laboral e en contar cun sindicalismo nacionalista hexemónico nos seu territorios”.

Mentres na Galiza os salarios rexistraron un incremento do 4,83%, no conxunto estatal marcaron, de media, unha alza de 2,69%, ficando nos postos de cola Aragón, cun incremento de 2,01%; A Rioxa, de 2,30%; Castela-A Mancha, de 2,32%, e Castela-León, de 2,40%. Madrid cunha suba salarial de 2,72%, Barcelona cunha suba salarial de 2,73% ou Asturias cunha suba salarial de 2,93% fican, tamén, moi lonxe da Galiza. Precisamente, esta realidade explica a progresiva caída da fenda salarial entre as traballadoras e traballadores galegos e os do Estado, chegando ao seu mínimo histórico en 2021, tras fixar unha diferenza de 92,7 euros ao mes.

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, indica a Nós Diario que “os salarios na Galiza subiron por riba da media do Estado porque tamén nos tocaba, tras rexistrar unhas retribucións e unhas pensións máis baixas”. Neste sentido, reclama “a inclusión nos convenios da cláusula de garantía salarial para controlar o incremento de prezos e impedir a perda de poder adquisitivo” e advirte de que “os benéficos empresariais son a causa da elevada alza da inflación”.

Francisco Sío lembra que “os salarios están subindo, pero non na medida en que queremos”. A este respecto, alerta sobre a perda de poder adquisitivo "porque as remuneracións medran menos que os prezos” e destaca que “no Estado español é onde menos soben os salarios de toda Europa”. 

Ademais, Sío destaca que “as subas salariais son sempre inferiores nos convenio de ámbito estatal” e valora que “aqueles convenios con incrementos máis elevados para o conxunto do Estado, como os da conserva ou do procesado de peixe, están condicionados polo peso decisivo da CIG e da Galiza entre os seus traballadores”.

Perda de poder adquisitivo

A alza salarial continúa por baixo da suba dos prezos, polo que a perda do poder adquisitivo é unha realidade. Así, mentres a inflación rexistrou en 2022 un incremento de 7,8%, os salarios subiron de media 4,83%, marcándose na anualidade de 2021 unha perda de poder adquisitivo de 6% e no período de 2020 a 2008 unha caída de 11%. 

Porén, a perda de poder de compra é moito máis elevada en determinados colectivos laborais, chegando no caso das traballadoras e traballadores públicos a 33% para os anos transcorridos de 2010 a 2024.

Inflación e salarios

A inflación comeulle practicamente un mes de salario ás persoas traballadoras en 2022. Sendo o salario medio mensual na Galiza de 1.994 euros e situándose o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) en 6,7%, nesa mesma porcentaxe descendeu o poder adquisitivo, até sumar unha caída de 1.603 euros.

Comentarios