As contas de Alu Ibérica foron saqueadas con criptomoedas

Entrada á factoría de Alu Ibérica na Coruña (Foto: Arxina).
Os investigados utilizaron sociedades pantalla e contas ponte. 

A Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía española confirmou á Audiencia Nacional que os últimos propietarios das plantas de produción de aluminio en Avilés (Asturias) e A Coruña baleiraron as caixas dos dous centros mediante a adquisición de criptomodedas

Así se desprende dun informe do pasado 8 de marzo no que os axentes explican á titular do Xulgado Central de Instrución Número 3, María Tardón, "a metodoloxía" seguida por algúns dos investigados "de maneira paralela á despatrimonialización de Alu Ibérica". 

Esta dinámica, explican, tivo "como elemento central o desvío de fondos de contas bancarias" de sendas plantas "cara o mercado de cripto divisas", confirmando desta maneira as sospeitas que a UDEF xa puxo de manifesto nun anterior oficio.

Estes feitos quedaron confirmados, engade o informe, despois de extraerse dos dispositivos do investigado Antonio Fernández Silva "unha serie de operacións sospeitosas que unha vez reconstruídas coas detectadas e expostas en informes anteriores, veñen a constatar a subtracción de capitais e patrimonio das plantas de produción de aluminio e a súa conversión a través de cripto activos". 

Sociedades pantalla

Os investigados valíanse "dunha estrutura societaria creada como pantalla que permite mover inxentes cantidades de fondos sen que os mesmos poidan ser atribuídos ao circular o diñeiro por distintas contas bancarias, todas baixo o control dos investigados". 

Os investigadores sinalan que o propio Fernández Silva, coordinado con Francisco Javier Fernández de Bobadilla e co presidente do Grupo Riesgo, Víctor Rubén Domenech, encargábase de realizar as transaccións de cripto divisas, adquirindo e traspasando os bitcoins até o moedeiro da clientela". 

Ademais, o informe emitido pola UDEF (encadrado na causa aberta pola venta irregular das fábricas) constata que o diñeiro procedente das contas bancarias de Alu Ibérica foi dirixido cara a plataforma Kraken Payward utilizando "contas ponte" titularidade de diferentes sociedades.