A UE impulsa a recolocación do persoal de Alu Ibérica

Bruxelas propón 1,2 millóns de axudas.
Protesta fronte a fábrica de Alu Ibérica, na Coruña, o pasado 14 de marzo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Protesta fronte a fábrica de Alu Ibérica, na Coruña, o 14 de marzo. (Foto: Europa Press)

A Comisión Europea propuxo esta quinta feira comprometer unha partida de 1,2 millóns de euros para axudar a recolocar 303 persoas traballadoras despedidas polo produtor de aluminio Alu Ibérica na Coruña, en resposta a unha petición de apoio con fondos comunitarios exposta polo Goberno español. O obxectivo é costear medidas que lles axuden na busca de novos postos de traballo coa orientación e asesoramento personalizados, formación profesional e adecuación entre a oferta e a demanda de emprego.

A factoría de Alu Ibérica foi con anterioridade propiedade de Alcoa, multinacional estadounidense que mantén unha fábrica en Cervo (comarca da Mariña). Despois, pasou a outras mans e a xustiza interveu para evitar a descapitalización e garantir a actividade, nun proceso que rematou na liquidación.

De acordo co trasladado por Europa, a axuda procederá do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización para os Traballadores Desprazados (FEAG), pero necesita aínda o visto bo formal nos próximos meses do Parlamento Europeo e dos Estados membros da UE para ser desembolsada.

O custe total estimado das medidas necesarias para devolver ao mercado laboral as persoas despedidas é de 1,5 millóns de euros, dos que Bruxelas expón que as arcas comunitarias asuman 85%, é dicir, 1,2 millóns de euros; mentres que 15% restante o financiaría o Goberno galego.

O Goberno estatal solicitou o apoio do FEAG para axudar a recolocar as persoas despedidas tras a creba, e feche, de Alu Ibérica. Os programas que poden recibir estes apoios ofrecen servizos de asesoramento, busca de emprego e tamén formación en competencias chave. Aliás, as persoas participantes poderán beneficiarse dun incentivo de 200 euros ao mes durante seis meses, se se reincorporan rapidamente ao mercado laboral.

Unha "axuda importante"

O expresidente do comité de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, cualificou como "avance" as demandas realizadas desde o cadro de persoal a proposta da Comisión Europea. "Non é definitivo, falta que pase o filtro do Parlamento", sinalou Corbacho, quen recordou que o pasado novembro solicitaron formación para as persoas extraballadoras.

Así, considerou que é unha "axuda importante en formación" para que resulte "máis fácil ter un emprego e ver as posibilidades de novas industrias".

Comentarios