A contaminación e as emisións de CO2 aumentan durante a temporada do Nadal

Vigo é a cidade galega que máis contamina no Nadal debido ao iluminado. (Foto: Europa Press)
As Neves propón unha programación sustentábel para estas festas.

As luces de Nadal da cidade de Vigo emitiron o ano pasado máis de mil toneladas de dióxido de carbono (CO2). Este ano están instaladas once millóns de lámpadas, repartidas en 400 rúas da urbe, que levan acendidas desde o 19 de novembro, e non se apagarán até mediados de xaneiro. Outras cidades do país, como Santiago, Coruña ou Ferrol, esperaron até o 2 de decembro para o seu acendido; pola súa parte, Pontevedra aínda non procedeu a iluminar a cidade. Segundo explicou o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, esta decisión pretende concienciar a sociedade en relación ao consumo “excesivo” de enerxía e da loita contra o cambio climático.

E é que o Nadal é unha época na que a contaminación e as emisións de CO2 aumentan de forma notábel. Así o asegura o presidente da asociación ecoloxista Adega, Roi Cuba, que, explica a este xornal, “o Nadal provoca unha exaltación do consumismo esaxerada”. As decoracións, o consumo eléctrico polas luces, os agasallos e envoltorios, mesmo as sobras das comidas inflúen no aumento da xeración de refugallos nestas datas. “Non ten sentido producir tantos obxectos que non imos necesitar e transportalos desde a outra punta do mundo”, sostén. 

Cuba sinala Vigo como o “mal exemplo” da Galiza, ante a súa “iluminación desmesurada” que pretende “atraer un consumo dilapidador”. De feito, opina que este ano aínda aumentarán os niveis de emisións de CO2 nesta urbe, xa que “non estamos conseguindo que a xente sexa máis responsábel”. Pola contra, destaca o exemplo de Pontevedra como “referencia positiva”, ante a crise climática que vive o planeta. Aliás, Cuba engade que cómpre ter en conta que durante o inverno o gasto e as emisións de CO2 tamén son superiores, xa que precisamos calefacción e máis horas de luz artificial, polo que a estación en si “provoca pequenos picos”.

Obradoiros de reciclaxe na programación das Neves

Ademais de Pontevedra, outro concello que aposta por un Nadal máis verde e sustentábel é o das Neves, cuxa programación para estas festas, que comezou o día 5 e continuará até o 7 de xaneiro, contempla actividades de reciclaxe e concienciación climática. O alcalde do municipio, Xosé Manuel Rodríguez (BNG), explica a Nós Diario que desde o Concello buscan desenvolver accións dirixidas á recuperación ambiental, polo que nestas festas “non podemos ser contraditorios”. 

A programación de Nadal das Neves busca “adornar as rúas” a través “dunha implicación e dunha sensibilización” por parte da veciñanza. Unha das propostas que achega o concello é a recollida de material de refugallo para, posteriormente, darlle unha segunda vida en obradoiros de Nadal sustentábeis. Desta forma, a reciclaxe, a concienciación ambiental, a artesanía, a colaboración cidadá, e a decoración das rúas conflúen nun programa caracterizado pola súa “ollada poliédrica”, como así o explica o alcalde.

A participación das crianzas tamén resulta fundamental. De feito, a Praza Maior do concello contará cunha caseta para elas feita de madeira recuperada de palés “para dar a mensaxe de reutilización”. Rodríguez sinala o importante papel que xogan as institucións públicas á hora de “lanzar mensaxes e ser consecuentes coas actitudes que predicamos".

Facer os agasallos a man, unha das ideas para este Nadal

Adega publica cada ano varias propostas para promover que estas festas resulten máis sustentábeis na guía 'Por un Nadal máis verde'. O seu presidente, Roi Cuba, explica que cómpre evitar comprar o que non se precise. “Pódense facer agasallos artesáns cun maior valor persoal” e, se non, mercar no comercio local. En canto á gastronomía, é mellor empregar produtos de quilómetro cero e preparar receitas de aproveitamento para non tirar as sobras.