A contabilidade social comeza a contar para as cooperativas

Semente de Cebola de Vilar. (Foto: Nós Diario).
A Galiza conta con máis de 1.100 cooperativas activas en todo o territorio. Xuntas suman unhas 80.000 socias e socios e manteñen uns 28.000 postos de traballo directos. Entre este millar está Postoiro SCG, unha cooperativa hortícola da Limia que vén de cuantificar por primeira vez o seu valor social.

Postoiro vén de fechar a súa participación no proxecto europeo AgriCoopValue. Foi a única cooperativa galega con presenza nesta iniciativa que contou con seis socios de Italia, Francia, Portugal e Grecia –con dous representantes–, ademais da Galiza. 

O obxectivo principal de AgriCoopValue é a innovación. Neste caso, para mellorar o valor engadido das cooperativas agroalimentarias mediante a aplicación dun sistema de contabilidade social unificado co fin de monetizar o seu valor social e determinar a súa capacidade multiplicadora no medio rural da Unión Europea.

Postoiro presentou por primeira vez as cifras finais dun valor que non se adoita contabilizar dentro das cooperativas pero que achega un beneficio á sociedade

A conferencia final do proxecto, decorrida en Compostela a finais de xullo, serviu para coñecer a contabilidade social das entidades participantes. "Postoiro presentou os resultados do ano 2021, as cifras finais dun valor que non se adoita contabilizar dentro das cooperativas pero que achega un beneficio á sociedade, nomeadamente á comunidade local e ao contorno no que se asenta", explica a Nós Diario Alba Morán, responsábel de produción e calidade.

Valor social

A contabilidade social ten en conta desde a flexibilidade horaria até o acceso a canais comerciais directos, pasando pola formación das persoas traballadoras ou o aforro na compra de insumos. "No noso caso tamén monetizamos o valor social que xera a rotación de terras que facemos con agricultores da zona que non son socios da cooperativa, pero que tiran proveito do abonado que facemos. Comprobouse que o ano seguinte obtiveron un aumento da produción, sobre todo no cultivo de cereal".

O valor social da cooperativa en 2021 foi de 300.000 euros

Malia que non foi posíbel medir economicamente todos os proveitos sociais que Postorio achega aos seus, na comarca da Limia, "o valor social da cooperativa en 2021 foi de 300.000 euros", afirma Morán, quen resalta beneficios concretos como a compra de insumos –abono e fitosanitarios– mesmo para os non socios, o asesoramento técnico para ver que cultivos son máis rendíbeis na terra pero tamén no mercado. "No futuro buscaremos a forma de mellorar en formación de persoal e I+D para tirar máis proveito dese coñecemento experto e, sobre todo, máis beneficios medioambientais".

Cebola e cabaza

Postoiro dispón de 40 hectáreas de cultivo en Vilar de Santos e Vilar de Barrio, das que a metade dedican á cebola, o seu produto estrela cunha produción anual de 700.000 quilos. De feito conta cunha marca comercial propia, Cebola de Vilar, unha variedade autóctona "moi chata e dourada" rexistrada tras un traballo de selección e mellora da galega Brigantium, á que sumaron unha segunda marca: Cabaza de Samaín.

"A cooperativa creouse en 1996 para introducir produtos distintos da pataca e do cereal. Hoxe comercializamos repolo, brócoli, porro, pataca, unha segunda cabaza, a de violín, e imos comezar a cultivar cabaciño e xudía". Postoiro conta con sete socios, produtores e de traballo, e tres canles de venda: en cadeas de distribución, no mercado local e a través da internet.