O consumo de psicofármacos dispárase, coa Galiza á cabeza do Estado

Mulleres e poboación maior de 65 anos son as maiores consumidoras de fármacos tranquilizantes e antidepresivos. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza).
O consumo de ansiolíticos e antidepresivos non deixa de crecer. Galiza é o territorio no Estado que máis benzodiazepinas receita entre a poboación. Ao tempo, España é o Estado do mundo con maior consumo legal de psicofármacos. 

Os informes anuais publicados polo Ministerio de Sanidade sobre o consumo de medicamentos en receitas médicas dispensadas en oficinas de farmacia con cargo ao sistema de saúde revelan unha suba progresiva da prescrición e venda de fármacos ansiolóticos e antidepresivos.

Na última década, o uso de benzodiazepinas e antidepresivos aumentou de forma exponencial. "Hai unha tendencia a alza clarísima, até o punto de que España é o Estado europeo que máis psicofármacos prescribe", alerta a psiquiatra Iria Veiga, quen sitúa na raíz desta marca o déficit de psicólogos que afecta tanto a sanidade estatal como a galega. "O que sucede é que se acaban medicando problemas para os que o máis indicado sería a psicoterapia".

A médica especialista do Servizo Galego de Saúde sinala a  fraqueza dos servizos de atención psicosanitaria do sistema público para explicar o liderado do Estado español na receita de fármacos contra a ansiedade e a depresión, os trastornos máis comúns e os que máis crecen.

Asistencia psicosanitaria

A carencia de psicólogos clínicos e a falta de tempo nas consultas están na base do problema. "Estamos vendo casos cuxa gravidade aumentou porque non foron tratados a tempo ou porque non se derivaron ao psicólogo simplemente porque non había esa posibilidade, e isto marca a diferenza con outros territorios da nosa contorna, que prescriben menos porque poden ofrecer psicoterapia dunha forma máis eficaz", di Veiga.

A media europea de psicólogos e psicólogas clínicas por 100.000 habitantes é de 18. No conxunto do Estado abeira os seis. Galiza sitúase á cola con 3,5 e unha lista de agarda para unha primeira consulta que en decembro do ano pasado superaba os 3.000 pacientes, cunha espera media de 55,7 días, segundo o Sergas. Unha cifra "moi optimista" para os profesionais da sanidade pública galega, que elevan ese tempo até os catro ou os seis meses, cun transvase constante da presión asistencial cara a sanidade privada.

A pandemia da Covid e antes a crise económica de 2008 causaron estragos que, pouco a pouco, aceleraron a demanda de atención no ámbito da saúde mental. Iria Veiga evita falar dun aumento dos diagnósticos. O que se dá, aclara, é unha "fragmentación", unha valoración máis precisa da patoloxía nun momento en que o acceso e a conciencia sobre saúde mental son maiores.

"O factor que máis afecta á saúde mental, fóra do xenético, é a desigualdade, a precariedade" matiza a psiquiatra, quen advirte, tamén, unha forte compoñente de xénero. "As mulleres están máis empobrecidas, acoden antes e acoden máis ao médico e ante un mesmo síntoma é máis frecuentes que lles prescriban fármacos. Hai patoloxías que non se diagnostican ben e recéitanlles psicofármacos porque asumen que teñen unha orixe emocional". 

Ademais, problemas que antes pasaban desapercibidos ou non se consultaban agora reclaman atención. "Isto fai que detectemos máis, e coincide no tempo con outro factor importante: a tendencia a patoloxizar cuestións da vida cotiá". Pasa moito coa ansiedade, explica. "Hai unha menor tolerancia ao sufrimento emocional" derivado dunha situación adversa normal. Cada vez máis a poboación busca un alivio a esa ansiedade puntual na Atención Primaria, que ante a falta de recursos opta por receitar psicofármacos.

A poboación no Estado español pasou de inxerir 64 doses diarias de antidepresivos e 52 de ansiolíticos por 1.000 habitantes en 2010 a consumir 92 e 58 en 2021. 

Abuso e adicción

Case 6% dos envases dispensados nas farmacias de todo o Estado o ano pasado foron antidepresivos e perto de 5%, ansiolíticos, dous tipos de fármacos que se adoitan receitar por xunto para tratar os trastornos do estado de ánimo e os trastornos de ansiedade respectivamente. Os primeiros actúan a máis longo prazo. Os segundos, as benzodiazepinas, fano de forma instantánea. España é o Estado do mundo con maior consumo legal e a Galiza, o territorio no Estado que máis fármacos destas características receita segundo a Enquisa Nacional de Saúde de 2017. Case 17% da poboación enquisada tomara este medicamento nas dúas semanas previas.

Son un fito na historia da farmacoloxía, admite Veiga. "O caso é se os usamos cando toca". As benzodiazepinas teñen certo compoñente de abuso e crean adicción. "Pero o máis importante é que moitas veces se usan como parche e privan as persoas dunha mellor solución ao seu problema".