Homenaxe a Chávez en Vigo no décimo aniversario do seu falecemento

Martín Pacheco Morillo durante a homenaxe a Hugo Chávez hoxe en Vigo. (Foto: Nós Diario)

O cónsul xeral, Martín Pacheco Morillo, sinalou que “Chávez é o corazón de todos os pobos que buscan a súa emancipación”.

Este domingo, o consulado da República Bolivariana de Venezuela en Vigo organizou un acto de homenaxe ao dirixente político Hugo Chávez con motivo do 10 aniversario do seu pasamento. O evento contou con medio cento de asistentes e foi realizado coa colaboración da Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez. O discurso correu a cargo do cónsul xeral Martín Pacheco Morillo.

Na súa intervención, Pacheco Morillo asegurou que “Chávez non está morto, pois hoxe Chávez é o corazón de todos os pobos que buscan a súa emancipación”. Así, este evento buscaba facerlle unha pequena homenaxe á figura do comandante. 

“Chávez non morreu, Chávez multiplicouse”, insistiu o cónsul xeral. Nesta liña, engadiu que o histórico dirixente é o “espírito renovador do pensamento latinoamericano que busca, por todos os medios, pero principalmente a través do diálogo, a paz” así como “instaurar un sistema de equidade e de xustiza”.

Para Pacheco Morillo, hoxe non foi un día triste, senón todo o contrario. “É un día para estar alegres, para festexar, cantar e recitar poesías, para compenetrarnos con todas as capas sociais porque Chávez é o corazón de Venezuela”, indicou.

O pensamento bolivariano de Chávez

O cónsul xeral sinalou que Venezuela é o escenario dunha serie de actos políticos de relevancia, actividades artísticas e sociais, e congresos internacionais. En relación a isto último, lembrou que, desde esta sexta feira –e até o 15 de marzo-, “instalouse no teatro Teresa Carreño un dos máis prestixiosos [congresos] da capital venezolana: o Encontro mundial de vixencias do pensamento bolivariano do comandante Hugo Chávez”. 

“O futuro é de esperanza, é de buscar os camiños para estabelecer a igualdade, que é o máis importante”, asegurou o cónsul xeral, que rematou a súa intervención reivindicando a dignidade do pobo venezolano.

Para acompañar o acto, o poeta galego Manuel Pipas recitou un poema de Anxo Angueira –presidente da Fundación Rosalía de Castro e colaborador de Nós Diario- sobre Chávez e outro da súa propia autoría.