Triunfo do chavismo nas lexislativas

O chavismo recuperou o pasado domingo a Asemblea Nacional de Venezuela nunhas eleccións lexislativas marcadas polo boicot dos principais partidos e líderes da oposición e pola abstención. Desde 2015 este era o único poder que non estaba controlado pola formación do presidente do país Nicolás Maduro.
EuropaPress_3467461_presidente_venezuela_nicolas_maduro_votar_elecciones_legislativas_venezuela
photo_camera O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, tras votar nas eleccións lexislativas de Venezuela, o 6 de decembro de 2020 (Foto: Prensa Presidencial Venezuela)

"Cumprimos coa nosa Constitución. Temos unha nova Asemblea Nacional, despois de cinco anos. O pobo elixiu", afirmou o presidente da República Bolivariana de Venezuela, Nicolás Maduro, a respecto das eleccións lexislativas que se desenvolveron o domingo no país caribeño.

O Consello Nacional Electoral (CNE) de Venezuela avisou no seu primeiro boletín informativo que o Gran Polo Patriótico Simón Bolívar (GPPSB) do presidente Maduro obtivera 67,6% dos votos nos comicios, con 82,35% das actas electorais escrutadas.

Maduro cualificou a xornada electoral como unha gran vitoria da democracia, durante a cal o pobo venezolano saíu a elixir os seus representantes no Parlamento para o período 2021-2026. "Imos cara a un novo ciclo de recuperación do país con soberanía, con independencia", afirmou o xefe do Estado, quen ratificou todo o apoio do Goberno ao poder lexislativo para traballar xuntos na solución das problemáticas existentes no país.

"Temos unha nova Asemblea Nacional ao servizo das maiorías; conten comigo para que a patria recupere a senda do desenvolvemento", subliñou o mandatario, que a semana pasada manifestara a súa decisión de abandonar a presidencia da República en caso dun triunfo da oposición.

Alianza Democrática, a colación de partidos opositores, obtivo case 18% dos votos, Venezuela Unida, pouco máis de 4%, mentres que o Partido Comunista de Venezuela (PCV), o 2,73%. A presidenta do CNE, Indira Alfonso, detallou que 3,5 millóns de venezolanos votaran polo chavismo, aínda que a participación foi de 31%, o que supón pouco máis de 5,2 millóns de electores, dos máis de 20,7 millóns que estaban habilitados para votar.

"Nós sabemos gañar e perder, hoxe tocounos gañar, hoxe tocoulle gañar ao pobo de Venezuela. Vén un cambio de ciclo, un ciclo positivo, virtuoso, de traballo e recuperación, con soberanía e en paz. Que ninguén se meta nos asuntos de Venezuela, nós sabemos dirimir os nosos problemas co voto popular", salientou Nicolás Maduro.

Xornada tranquila

A xornada electoral desenvolveuse con tranquilidade. O ministro de Exteriores venezolano, Jorge Arreaza, expresou que a democracia do seu país "é a máis examinada do mundo, con todo, non hai nada que temer", malia os chamamentos dos principais líderes e partidos da oposición, que decidiron non participar nos comicios, a non votar.

O intelectual arxentino Atilio Borón afirmou: "Oxalá que os gobernos que se din 'progres' (progresistas) de América Latina recoñezan a lexitimidade desta elección e os seus resultados, e poñan fin aos seus ataques contra Venezuela, obedecendo os mandatos de Trump e dos seus pistoleiros".

Tamén o xornalista e teórico da comunicación galego Ignacio Ramonet recoñeceu a determinación colectiva por respectar a orde do cronograma electoral e a decisión de realizar as eleccións lexislativas, a pesar do bloqueo económico e das presións exercidas polos Estados Unidos e pola Unión Europea, segundo informou Telesur.

Zapatero pide á UE que reflexione e que cambie de estratexia sobre Venezuela

O ex presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, que se atopa en Caracas, pediu á Unión Europea que reflexione sobre a súa postura a respecto de Venezuela despois do resultado das eleccións, onde participou como observador internacional invitado.

"Desexo que a UE faga unha reflexión logo destas eleccións, que avalíe o que deu de si a política de sancións [contra Venezuela]", dixo o ex mandatario durante unha comparecencia na televisión estatal venezolana.

Considerou que "debe haber unha reflexión a fondo" por parte de quen apoiou a política do presidente dos EUA, Donald Trump, a respecto de Venezuela porque, ao seu xuízo, esa estratexia "xa non existe". "Era unha estratexia que partía de erros graves de información, que tomou medidas inxustas e que fracasou nos resultados", dixo.

Comentarios