BNG e PSdeG apertan para que o PP permita chegar até o final

Constitúen a comisión de investigación das caixas, terceiro intento en oito anos

Constitución da comisión de investigación das caixas. (Foto: Europa Press)
Na mañá da sexta feira, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, conduciu por terceira vez a constitución da comisión de investigación pola fusión das caixas de aforros, dúas lexislaturas e oito anos despois de constituírse o primeiro comité parlamentario sobre o asunto.

O pasado 20 de outubro, o pleno aprobou de modo unánime formar esta comisión e pórlle punto final á investigación. A dilación nesta cuestión é denunciada polos grupos da oposición mentres o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, suxeriu que a demora ten que ver coa coincidencia entre a primeira comisión e a apertura dun proceso xudicial.

Así, xustificou o feito de que "moitos dos comités parlamentarios, ultimamente non cheguen a resultados” porque hai persoas sometidas a procesos penais, "o que dificulta" o propio traballo, xa que se poden inhibir e non responder ou non achegar documentación por preservar o seu dereito de defensa.

Precisamente, preguntado pola ausencia de documentación demandada polo ex deputado Antón Sánchez, de En Marea-Grupo Común, sobre a que pesa unha sentenza xudicial que obriga á Xunta a presentala, Pedro Puy amosouse seguro de que se cumprirían os prazos de entrega.

O documento mencionado é o informe da proposta de fusión e mais as actas da reunión de secretarios xerais do Consello previa á autorización da mencionada unión.

Ante as palabras da deputada Noa Presas, do BNG, ao explicar que agarda a que os populares “non metan no conxelador” de novo esta encomenda, Pedro Puy respondeu que agora “o prioritario” é a crise da Covid-19 e que este comité está “entre as prioridades secundarias e terciarias”. Asegurou que o “ánimo” é o de acabar os traballos pero a “prioridade” é sacar adiante os orzamentos e mais as conclusións da comisión de reactivación económica.

A parlamentaria do BNG insistiu en que é hora de finalizar os traballos, "oito anos despois" da súa creación por primeira vez e após máis de dúas lexislaturas de "veto permanente" do PP á recepción de "documentación, comparecencias e á existencia dun ditame".

A reactivación desta causa no Parlamento chega logo de BNG e PSdeG a esixir, á luz dun auto da Audiencia Nacional no que se cuestiona o papel da Xunta da Galiza durante a fusión, en 2010, das entidades de aforro Caixanova e Caixa Galiza, como Nova CaixaGaliza, e que un ano despois pasaba a ser NovaGalicia Banco, até a actual Abanca, do grupo venezolano Banesco.