O Constitucional ratifica que os colexios que segregan por sexo non reciban subvencións

Un centro de ensino antes de comezar o curso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
O Tribunal de Garantías xa anunciara hai unhas semanas a súa decisión de avalar unha sentenza que rexeitase todos os puntos do recurso do partido de Santiago Abascal.

O recurso presentado por Vox contra a lei de Educación, a coñecida como ‘lei Celáa’ foi rexeitado por parte do Tribunal Constitucional. O tribunal avala así unha das liñas da lei Celáa que buscaba prohibir que os colexios que segregan por sexo reciban subvencións.

O Tribunal de Garantías xa anunciara hai unhas semanas a súa decisión de avalar unha sentenza que rexeitase todos os puntos do recurso do partido de Santiago Abascal.

“Responde a unha concepción ideolóxica do sistema educativo que non só non pode ser tachada de arbitraria senón que, ademais, está inspirada en valores anticonstitucionais”, afirman os maxistrados sobre os colexios que segregan por sexo.

Fican desestimadas tamén as queixas do partido de extrema dereita contra a “perspectiva de xénero” e a súa presenza nesta lei educativa, por exemplo cando obriga a incorporala na educación secundaria á hora de abordar “a orientación educativa e profesional do alumnado”.

Sentenza positiva

En declaracións a Nós Diario, o secretario nacional da federación de ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino), Suso Bermello, asegura que “a sentenza é positiva e está na liña do que era a visión do Supremo e do Constitucional”.

“Nós como sindicato cando o Goberno da Xunta de Alberto Núñez Feixoo concertou cos centros do Opus Dei, recorrémolo e gañámolo no Supremo. Polo que xa coa anterior lei [LOE] estaba claro que era improcedente financiar estes centros”, afirma Bermello.

“Sabemos como actúan cando as circunstancias non acompañan os principios ideolóxicos máis retrógados e a secta do Opus Dei”, conclúe o secretario nacional da CIG-Ensino.