A Xunta sae en defensa dos colexios maiores que segregan por sexo

O texto da lei recolle unha emenda para impedir que os centros adscritos á universidade pública poidan levar a cabo unha segregación por sexo.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha comparecencia no Parlamento. (Foto: Europa Press).
photo_camera O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha comparecencia no Parlamento. (Foto: Europa Press).

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta da Galiza, Román Rodríguez, rexeitou a nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) que está en tramitación no Congreso porque tenta "desviar a atención" cara á segregación por sexo nos colexios maiores e non trata, ao seu xuízo, o "realmente significativo", como o financiamento.

En concreto, o texto recolle agora unha emenda para impedir que estes centros adscritos á universidade pública poidan levar a cabo esta segregación por sexo.

A iniciativa de Máis País-Equo, incorporada á lei (para a que tamén presentara emendas o BNG) rexistrouse despois de que se fixese viral un vídeo en redes sociais no que alumnos do Colexio Maior masculino (CMU) Elías Ahúja de Madrid amedrentaban as súas compañeiras do CMU Santa Mónica (feminino) con berros como "ninfómanas" e "putas".

Por mor desta modificación do texto da LOSU, en declaracións aos medios durante unha visita ao CEIP Antonio Palacios do Porriño, o conselleiro de Universidades galego insistiu en que o ocorrido co Elías Ahúja foi "unha barbaridade" contra a que manifestou a súa repulsa.

"Rexeitamos calquera tipo de acción contraria aos dereitos das persoas e moi especificamente aos dereitos das mulleres", alegou.

Porén, pasou a criticar que a LOSU proposta polo Goberno estatal tenta "desviar a atención" cara a este tema.

"Norma politizada"

Rodríguez considera que a norma está "absolutamente politizada e cunha forte carga ideolóxica", á vez que xera un "gran rexeitamento de toda a cadea do sistema universitario".

"Dá a sensación de que non nos estamos tomando en serio lexislar, o que é facer unha lei de universidades. Non é unha lei ordinaria. Inflúe no futuro dun país dun modo moi forte", advertiu.

Comentarios