O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. chama a apoiar ‘Nós Diario’

O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. reunido, nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario)
O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., editora de Nós Diario, reclama o apoio das galegas e galegos após a exclusión do medio das axudas da Xunta da Galiza á prensa.

Diante da información sobre a exclusión de Nós Diario das axudas da Xunta da Galiza aos medios de comunicación, malia cumprir os criterios da convocatoria de subvencións, o Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., editora de Nós Diario, apela ao apoio das galegas e galegos.

O Consello de Administración explica que desde a presentación do proxecto xa se informara de que o diario en papel sairía á rúa cinco días á semana.

Lembra que non é “unha práctica infrecuente” e sinala que houbo exemplos na Galiza, e fóra dela, que “así o verifican”. Refírese tanto a diarios de información xeral como á prensa económica.

“Esta periodicidade de saída entra dentro dos medidores habituais das axencias de control de difusión, e iso sabiámolo”, defende o Consello de Administración, “o que non sabiamos, nin o grupo promotor nin as máis de 3.000 persoas subscritoras, era que o Goberno galego, co señor presidente á fronte, ía empregarse a fondo para privar os seus compatriotas dunha voz non presa por ningún grupo de presión”.

“Coas que xa somos e coas que virán, faremos unha Galiza máis informada e, daquela, máis capaz de facer fronte ás políticas caciquís do Goberno Feixoo”,

O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. apela a todas as persoas que “fan posíbel que exista Nós Diario”. “Coas que xa somos e coas que virán, faremos unha Galiza máis informada e, daquela, máis capaz de facer fronte ás políticas caciquís do Goberno Feixoo”, engade.

O Executivo de Feixoo excluíu Nós Diario do reparto de subvencións a empresas xornalísticas e de radiodifusión para o ano 2021. Para os xornais editados en papel destínase unha contía total de 1.255.000 euros.

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta da Galiza, da que está á fronte Mar Sánchez, tombou o recurso de reposición presentado por Nós Diario á denegación da solicitude das axudas. Tras desestimalo, Sermos Galiza S.A., empresa editora, presentou perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) un recurso contencioso-administrativo, que xa foi admitido a trámite.

Na mañá da sexta feira, A Mesa pola Normalización Lingüística anunciaba que recorrerá ao Consello de Europa para denunciar a exclusión de Nós Diario nas axudas aos medios da Xunta. A Mesa advirte de que o veto do Goberno de Feixoo a Nós Diario contravén a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas.

Subscrición e mecenado

Sermos Galiza S.A. ten diversas vías de apoio a Nós Diario. En primeiro lugar, as subscricións, con distintas modalidades e con descontos de até o 40% do prezo de venda ao público segundo.

E tamén é posíbel apoiar o medio a través do mecenado ou da figura das amizades de Nós Diario, para quen queira facer efectiva unha doazón económica.