"A Consellaría xa non vai cubrir as baixas docentes até 2022", denunia a CIG-Ensino

As aulas presenciais, a máscara e a distancia seguen a ser cuestións chave este curso. (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press).
A central nacionalista alerta de que os centros non contarán con persoal substituto nas dúas últimas semanas do primeiro trimestre do curso, coincidindo cunha repunta dos casos de Covid entre a comunidade escolar.

A dúas semanas de comezar o período de vacacións de Nadal, a CIG-Ensino denuncia a fin da contratación de persoal docente substituto nos centros educativos até o inicio do ano novo.

Segundo vén de confirmar, di, non se van cubrir xa máis baixas do profesorado, "algo que non por repetido ano tras ano non deixa de ser grave, máis aínda este ano xa que nos atopamos, aínda que a Consellaría o intente ocultar, cunha repunta importante da Covid nos centros escolares galegos".

Covid e vacinación nas escolas

Segundo informou a Xunta esta quinta feira, os colexios da Galiza contabilizaban este 9 de decembro un total de 1.881 casos activos, dos cales o 80% concéntrase en menores de 12 anos. En total, a pandemia mantén 172 aulas fechadas, 72 máis que a semana pasada.

O comité educativo que asesora á Xunta na toma de decisións sobre a pandemia neste ámbito, reuniuse tras a ponta festiva de decembro e concluíu que a vacinación é o factor "diferencial" e "clave" para conter a situación epidemiolóxica, cando está a piques de iniciarse a inmunización do colectivo entre 5 e 11 anos.

Neste contexto, a CIG-Ensino mantén que "deixando a un lado a calidade do sistema educativo galego e os dereitos laborais do profesorado atopámonos diante dunha Consellaría que pretende, en pleno gromo da Covid, que os docentes de primaria e infantil entre en aulas nas que non ten docencia para substituír ás compañeiras e compañeiros enfermos".

Neste sentido, pregunta o sindicato: "Onde quedan as burbullas ou a seguridade mínima para evitar contaxios? Queda claro por enésima vez que á hora de cadrar os números a Consellaría esquece todo o que ten que ver coa calidade do sistema educativo ou coa protección do noso alumnado e profesorado", afirma.

Así, desde a CIG-Ensino exixen que "de inmediato se comece a chamar ao persoal substituto para cubrir todas as vacantes de aquí ao 22 de decembro".