Educación confirma que este ano haberá menos profesorado que no curso anterior

O conselleiro anunciou 845 novos contratos de reforzo para este curso. Seguen sendo menos efectivos que no ano pasado.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na Cámara. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na Cámara. (Foto: Europa Press)

Coas aulas xa iniciadas en Infantil e Primaria e a un día de que comezasen en Secundaria e Formación Profesional, a Consellaría de Educación anunciou este 14 de setembro a contratación de 845 docentes que se repartirán deste modo: 220 reforzarán os grupos burbulla en Infantil e Primaria; 290 sumaranse á ESO, Bacharelato e FP; 225 profesionais serán para desdobres en Secundaria e, finalmente, 110 para a implantación do Plan dixital de centro e a rede de orientación. Así o anunciou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na súa comparecencia no Parlamento galego.

Desta maneira, os 845 novos contratos avanzados este 14 de setembro súmanse aos 1.250 profesores que formarán parte do Plan Recupera e que, até o de agora, eran os únicos postos extraordinarios anunciados pola Xunta para o curso 2021-22.

Recorte de docentes

Así, o número de profesoras e profesores descende respecto ao curso anterior, cando se produciron 2.300 contratacións extraordinarias fronte ás 2.095 actuais.

Este recorte de docentes foi contestado desde aos grupos da oposición no Parlamento galego, BNG e PSdeG, que advertiron de que este curso 2021-22 é "aínda de transición" porque a pandemia "segue aí".

Durante o debate, o deputado nacionalista Manuel Lourenzo puxo en dúbida as cifras de profesorado contratado pola Xunta para o novo curso e acusou o conselleiro de agochar o recorte en profesorado como demostra a "falta" de concreción sobre "canto persoal docente funcionario definitivo e interino ten en nómina para Primaria e canto para Secundaria". Para Lourenzo, os datos da Consellaría "evidencian" que desde 2009 existe "un recorte de 5% do profesorado" no ensino público mentres "aumentou 5,5%" na privada. “Isto é o cerne do debate e todo o demais, programa Recupera incluído, que supón un recorte de 1.000 profesores en relación ao curso pasado, son malabarismos para ocultalo”, reprobou o nacionalista ao titular de Educación.

Tamén o socialista Luis Álvarez tachou de "cerimonia da confusión" a actuación da Xunta á hora de comunicar o reforzo de profesorado. Acusouna de "usar o sistema educativo como elemento de contención do gasto público".

Como exemplo disto, asegurou que a Xunta "segue sen dedicar á finalidade para a que foron creados" os 92 millóns de euros procedentes dos 204 millóns de fondos extraordinarios que debían ser destinados a reforzar o sistema educativo ante a pandemia e que, segundo Álvarez, a Xunta preferiu destinar a "cambiar cubertas".

Comentarios