O Congreso español aproba a reforma da lei do aborto

[Imaxe @sonsolesonega]

A mudanza exixe ás menores de 18 anos contar con autorización familiar para interromper a súa gravidez. En caso de conflito a cuestión xudicializarase.

 

Un embarazo non desexado só poderá ser interrompido no Estado español con autorización familiar para aquelas mulleres que teñan menos de 18 anos. Así o vén de aprobar o Congreso español esta quinta feira (16 de xullo) após o debate e votación da reforma presentada polo Partido Popular

A votación final resultou con 186 SI, 136 NON e 4 ABSTENCIÓNS. A partir da súa entrada en vigor as mulleres de 16 e 18 anos deberán contar co consentimento familiar (nai, pai ou titor/a legal) para interromper voluntariamente a súa gravidez. 

Inseguridade xurídica

Así pois, de non contaren con autorización as menores terán como única saída a xudicial sendo a xustiza quen determine o resultado. Porén, o texto aprobado suprime a "tramitación de urxente e preferente" destes casos, unha cuestión que si aparecía recollida na redacción inicial presentada polo ex-ministro de xustiza Alberto Ruíz Gallardón. 

O texto aprobado por PP, UPN e Unió non prevé a "tramitación urxente e prioritaria" dos casos xudiciais o que podería demorar o fallo para alén das 14 semanas que fixa a lei para abortar

Destarte, a axilidade ou demora na tramitación xudicial dependerá da vontade da xuíza ou xuíz de turno o que sitúa, segundo denunciaron as forzas da oposición, as mulleres nunha "inseguridade xurídica". E é que o tempo de agarda até se resolver o conflito podería ultrapasar as 14 semanas fixadas legalmente para interromper de maneira voluntaria a gravidez. 

No debate parlamentar o PP só contou co apoio d@s parlamentares de UPN e Unió. En troca, PSOE, Izquierda Plural, PNV, UPyD, Amaiur, ERC e BNG exixiron a súa retirada por considerala unha iniciativa "innecesaria" e "electoralista" que, asemade, deixa as menores de 18 anos "sen garantías xurídicas nen sanitarias" para abortar. 

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, explicou que "as menores de entre 16 e 17 anos que interrumpiron os seus embarazos, fixérono nun 90% acompañadas dos seus proxenitores. E a porcentaxe restante do 10% que non estiveron acompañadas, estaban debidamente acreditadas por problemas de convivencia familiar", polo que rexeitou o argumento do Partido Popular que coida unha necesidade a reforma perante o "debate social" xerado ao respeito.