O aborto, un dereito?

Manifestación 8M nas rúas de Compostela

Revisamos o ordenamento xurídico español en relación coa interrupción voluntaria do embarazo.

 

O ministro de Sanidade español, Alfonso Alonso, avanzou nunha entrevista concedida a RNE a pasada semana que o seu partido (PP) promoverá unha mudanza lexislativa máis ampla que a obriga de contaren con autorización familiar as menores de 18 anos. Segundo Alonso, "ten que quedar claro" que "o aborto non é un dereito". 

Neste senso, o proceso que se abre esta terza feira no Congreso español para modificar a Lei para a Interrupción Voluntaria do Embarazo e de saúde sexual e reprodutiva, podería incorporar novas reformas pola vía das emendas que introduciría cambios noutros artigos do texto. 

Así o avanzaba o diario El Mundo que, citando fontes do Partido Popular, apuntaba cara ao artigo 3.2 da lei como posíbel obxectivo da forza política maioritaria. Este punto refírese ao recoñecemento do "dereito á maternidade libremente decidida" como parte da "liberdade, intimidade e autonomía persoal" das mulleres en relación coa súa "saúde sexual e reprodutiva". 

Esta terza feira, o Congreso debaterá e votará a toma en consideración da proposición de lei presentada polo Grupo parlamentar popular

A modificación podería, así pois, supor a supresión do artigo ou a redacción dun novo que contente a ala antiabortista do Partido Popular --maioritaria-- e os sectores conservadores que representa, a comezar pola Igrexa católica. 

Após a toma en consideración, esta terza feira (14 de abril) da proposición de lei rexistrada, os grupos parlamentares, tamén o PP, poderán presentar emendas que deberán ser debatidas e votadas no Congreso e no Senado. Neste percorrido lexislativo o grupo popular podería incorporar novas mudanzas como xa fixo na reforma do Código Penal, da Lei de Seguridade Cidadá ou da Lei de Enxuízamento Criminal. A dúbida está en se solicitarán ou non un procedemento de tramitación de urxencia (abreviado) que podería significar a aprobación da reforma no mes de xuño. 

Porén, o aborto constitúe un dereito segundo o ordenamento xurídico español?

O aborto no Código Penal

Malia a aprobación da Lei para a Interrupción Voluntaria do Embarazo (2010) o aborto mantívose, con modificacións, no Código Penal --agás no derogado artigo 417 no que se especificaban os supostos permitidos pola lei de 1985. Así as cousas, permanece punido polos artigos 145 e 145 bis nos que se prohíbe a súa práctica "fóra dos casos recollidos pola lei" que o regula. 

Desta maneira, logo da aprobación da Lei 2/2010 e como disposición final primeira múdase a Lei Orgánica 10/1995  do Código Penal para punir a quen "produza o aborto dunha muller, co seu consentimento, fóra dos casos permitidos pola lei". Isto é, para alén das 14 primeiras semanas de xestación. Este feito tería como consecuencia unha pena de "prisión dun a tres anos e inhabilitación especial para exercer calquera profesión sanitaria ou para prestar servizos doutra índole públicos ou privados, por un tempo dun a seis anos". Esta pena podería ser ampliada pola xustiza de se realizaren fóra dunhas instalacións "acreditadas". 

Rafael Catalá: "Non hai un dereito ao aborto como tal"

A lei prevé, aliás, a condena da muller que "producise o seu aborto ou consentise que outra persoa o causase" prevendo un castigo "con pena de multa de 6 a 24 meses". 

Destarte, púnese as equipas médicas que practiquen un aborto naqueles casos que, aínda sendo previstos na lei, non cumpran cos procedementos e prazos dispostos na mesma como informar a muller a respeito dos "dereitos", "prestacións" e "axudas" existentes ou "sen ter transcorrido o período de agarda contemplado na lexislación". Neste caso as mulleres non serán penadas. 

O propio ministro de Xustiza, Rafael Alcalá, sinalou, logo das declaracións de Alfonso Alonso, que "non hai un dereito ao aborto como tal" no ordenamento xurídico español senón que este foi despenalizado primeiro atendendo a unha serie de tres supostos (malformación, violación, prexuízos físicos/psicolóxicos para a nai) en 1985 e, con posterioridade, no prazo das 14 primeiras semanas de xestación (2010).