Confrarías galegas, asturianas e cántabras únense contra a eólica mariña

Representantes dunha trintena de colectivos asinaron nesta quinta feira un manifesto en Burela (Foto: Nós Diario).
Confrarías de pescadores da Galiza, Asturies e Cantabria asinan en Burela un manifesto contra o inzamento de parques eólicos no espazo marítimo que afectarían "máis de 200 caladoiros en condicións inmellorábeis".

O sector pesqueiro suma forzas para facer fronte aos parques eólicos mariños que ameazan os seus caladoiros. Unha trintena de confrarías e asociacións da pesca da Galiza, Asturies e Cantabria presentaron nesta quinta feira un manifesto en Burela no que, máis unha vez, deixan claras as súas "liñas vermellas" a respecto destes proxectos.

Este encontro chega como resposta aos últimos movementos producidos no sector eólico. A finais de setembro, os gobernos destes tres territorios participaron da creación do Superclúster Atlantic Wind (SAW), a plataforma na que conflúen as empresas enerxéticas galegas, asturianas e cántabras e que ten por obxectivo situar o norte do Estado como "referente internacional" desta industria.

Cómpre lembrar que o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) iniciou os trámites en xuño de dous proxectos de Iberdrola fronte á costa do país, San Cibrao e San Brandán, cada un cunha potencia prevista de 490 megawatts (MW). As confrarías —representadas no Observatorio da Eólica Mariña a través do secretario xeral de Pescagaliza, Torcuato Teixeira— veñen denunciando desde entón que os muíños afectarían "caladoiros de pesca moi activos", así como a "zona de tránsito habitual" da frota galega.

"O sector da pesca non está en contra da eólica mariña, senón todo o contrario, mais aínda agora coa suba da factura da luz. Non hai ninguén máis partidario de coidar o medio ambiente que nós, e así o demostra o bo estado no que se atopan os nosos caladoiros. Mais tampouco estamos dispostos a deixarnos pisar por Goliath, por grande que sexa", explica a Nós Diario o patrón maior de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero.

Neste senso, salienta as "boas intencións" da Xunta, que "sempre dixo que os parques eólicos non prexudicarían os intereses da pesca". Porén, matiza: "Precisamos feitos, e non palabras. É certo que a eólica traería novos empregos, mais non poden chegar a costa de perder os nosos".

Otero tamén fai alusión ao Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), aínda pendente de aprobación, cuxo borrador estabelece na Galiza cinco zonas de uso "prioritario" entre o Val Miñor e A Mariña, mais non outorga esta categoría a ningún caladoiro. As confrarías, os colectivos ecoloxistas, a Xunta da Galiza e o BNG presentaron senllas alegacións contra este plan.

"Esa é outra das nosas grandes preocupacións. A xente do mar vimos usando estes caladoiros desde tempos inmemoriais, e non entendemos como o POEM non considera a pesca unha actividade prioritaria", lamenta o patrón maior.

O Manifesto de Burela en defensa do sector pesqueiro do Cantábrico-Noroeste defende unha "avaliación sensata" dos impactos da eólica mariña sobre a pesca e a biodiversidade en "máis de 200 caladoiros catalogados e en condicións inmellorábeis".

Aliás, as e os asinantes piden "non xogar coa natureza nin co futuro de moitas familias antes de coñecer as consecuencias", e afirman que se rebelarán "contra os poderosos grupos de presión". "Nós temos unha vontade de diálogo total, mais se queren facelo polas bravas, terannos diante", sentencia Otero.

Nace a plataforma Eólicos no Morrazo Non

Por outra banda, veciñanza de Ardán (Marín) vén de constituír a plataforma Eólicos no Morrazo Non coa meta de "recadar información e estar vixiantes ante calquera movemento que as promotoras ou a Administración fagan ao respecto".

Se ben a día de hoxe non hai previsto ningún proxecto neste emprazamento, os concellos de Bueu, Marín e Moaña fan parte dunha área de desenvolvemento eólico —os espazos nos que, segundo o Plan Sectorial Eólico da Galiza, poden erguerse aeroxeradores—, polo que de cara ao futuro poderían presentarse novos parques eólicos.

Na xuntanza inaugural da plataforma participaron representantes de Adega, organizacións veciñais de todo o país e membros das directivas das comunidades de montes.