Conflito aberto entre alcaldes e alcaldesas da área de Vigo e a Xunta pola xestión "neglixente" da auga

O encoro de Eiras, situado no municipio de Fornelos de Montes, é un dos que abastece a área metropolitana de Vigo. (Foto: F. Gutierrez)
Os rexedores e rexedoras de Vigo, Redondela, Gondomar, Moaña, Cangas, Salceda de Caselas, Mos e O Porriño exixiron que o Goberno galego tome medidas para facer fronte á escaseza de recursos hídricos. 

Alcaldes e alcaldesas dos oito concellos da área de Vigo que se abastecen do encoro de Eiras mantiveron unha reunión na mañá desta terza feira para avaliar a situación de seca de auga e sumar forzas ante a “actitude neglixente” da Xunta á hora de xestionar os recursos hídricos.

A esta xuntanza, convocada polo rexedor de Vigo, Abel Caballero, acudiron a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o de Gondomar, Juan Francisco Ferreira; a de Cangas, Victoria Portas; a rexedora de Moaña, Leticia Santos; e a de Salceda de Caselas, Veronica Tourón; Aliás, tamén estiveron presentes o tenente de alcalde de Mos, Camilo Augusto Martínez, e a concelleira de Medio Ambiente do Porriño, Antía Carrera.

En declaracións aos medios, Caballero explicou que a reunión tiña por obxectivo “coordinar e cooperar nun ambiente moi construtivo”, e subliñou que o sentir maioritario dos rexedores e rexedoras é que “a Xunta non está resolvendo a parte da súa competencia”.

Neste sentido, os Concellos culpan o Goberno galego de non realizar os investimentos necesarios nas redes de abastecemento municipais, o que provoca perdas de auga “inmensas, de até 30%”, en palabras do rexedor da cidade olívica.

“Actitude neglixente”

Por outra parte, o alcalde de Gondomar tamén acusou o Executivo de Alfonso Rueda de non subministrar auga naqueles termos municipais que, como o seu, a precisan. “É unha actitude neglixente da Xunta en contra de todos estes concellos”, criticou Caballero.

Para o alcalde de Vigo, “[o Goberno galego] está a pór en risco a nosa acción económica porque nos ameazan con deixarnos sen auga e iso é gravísimo”.

Caballero, como portavoz da xuntanza de alcaldes e alcaldesas, afirmou que o aproveitamento hídrico é competencia da Xunta, polo que, ante “insuficiencia do encoro de Eiras”, debe ser a Administración galega a que adopte unha solución. Volveu pór sobre a mesa que se leve a cabo unha toma de emerxencia dos ríos Verdugo e Oitavén.

Á saída da reunión, Digna Rivas e Leticia Santos tamén sinalar a “inacción” do Goberno galego e pedíronlle que tome medidas para paliar a situación de escaseza de auga, xa que as que estes concellos poden adoptar son “insuficientes”.