O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Congreso dos Deputados unha inciativa para rexeitar o transvasamento do río Verdugo na súa confluencia co río Oitavén e reclamou unha escoita activa para coñecer a posición da veciñanza e das administracións locais afectadas.
A iniciativa dos nacionalistas xorde tras coñecer que o secretario de Estado de Medio Ambiente trasladou ao Goberno galego a intención de levar a cabo o transvasamento do río Verdugo na confluencia co río Oitavén despois de facer público o “Estudo de alternativas e documento ambiental para a mellora da garantía de abastecemento na zona sur da provincia de Pontevedra” e recoñece que se contempla a realización de obras de grande envergadura.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, afirmou que o BNG “xa manifestou o seu rexeitamento á execución dun transvasamento ou á construción de novos encoros, ao mesmo tempo que puxo sobre a mesa alternativas viábeis a través da execución dun Plan de Xestión Eficiente da Auga”.
Impacto ambiental
Rego sinalou que “deben descartarse alternativas de gran impacto ambiental e económico como a proposta dun transvasamento ou a construción dun novo encoro, apostando en cambio por mellorar a eficiencia dos sistemas de captación, almacenamento e abastecemento de auga, co que se conseguiría reducir sensibelmente as perdas de auga nas canalizacións que poden chegar a 30”.
O voceiro nacionalista lembrou que a proposta do transvasamento conta tamén coa posición contraria da administración galega. “Nas épocas de seca, cando sería preciso transvasar a auga, ambos os dous ríos ven reducido o seu caudal polo que non se garante o volume de auga necesaria, nin sería posíbel ese transvasamento”, afirmou Rego.
O propio Goberno do Estado valorou negativamente esta posibilidade, pois admite que “é certo que unha captación na confluencia dos ríos Verdugo e Oitavén non representa por si mesma unha solución ao problema de abastecemento debido a que nos meses de estiaxe, o caudal circulante nese punto é moi reducido e chega a non ser superior ao caudal ecolóxico”.
Oposición veciñal
O deputado do BNG indicou que o posíbel transvasamento “xerou unha forte oposición veciñal e convocáronse distintas mobilizacións e concentracións opoñéndose a este tipo de actuacións”. Na mesma liña, o Parlamento de Galiza aprobou iniciativa na que reclama ao Goberno do Estado que se descarte o transvasamento.
O sector pesqueiro e marisqueiro tamén rexeitaron o proxecto, ao considerar que causará un enorme impacto nas concas de ambos os ríos o que repercutirá de maneira negativa no ecosistema da Ría de Vigo.
O Verdugo e o Oitavén achegan un caudal continuo de auga doce á Ría e pódese descompensar a salinidade da enseada de San Simón”, afirmou Rego.