O primeiro accionista de Valtalia e o presidente de Copasa manteñen nexos familiares

As conexións do grupo Valtalia coa Xunta

Residuos na planta de Sogama á espera de ser incinerados (Foto: Sogama).

A de Valtalia é unha historia empresarial de éxito desde a súa fundación, en 2005, no Carballiño. Á fronte da dirección da compañía, con importantes contratos da empresa pública Sogama, atópase César Pereira, máximo accionista do grupo e ligado familiarmente ao presidente de Copasa, José Luis Suárez.

As adxudicacións a Valtalia están a pór no foco a dirección de Sogama, compañía presidida, a proposta da Xunta da Galiza, desde febreiro de 2015, por Javier Domínguez Lino, candidato do PP á Alcaldía de Poio entre 2003 e 2011 e persoa do círculo do vicepresidente do Goberno galego e presidente do PP en Pontevedra, Alfonso Rueda.

Outra persoa próxima a Rueda é o director xeral da compañía, Isidro García Téllez, un enxeñeiro industrial que desenvolveu o groso da súa carreira profesional en Ence. Ao tempo, fan parte do consello de administración de Sogama outras persoas de coñecida vinculación co PP como Cruz Ferreira Costa, directora xeral de Calidade Ambiental na etapa de Beatriz Mato á fronte da Consellaría de Medio Ambiente e autora dalgúns dos informes de tramitación dos expedientes da eléctrica Greenalia. 

Os primeiros contratos do grupo Valtalia con Sogama son anteriores á chegada de Domínguez Lino á presidencia. Esta empresa, fundada no Carballiño en 2005, traballou para Sogama baixo o mandato de Luís Lamas, un veterano do PP lugués e concelleiro na cidade durante dúas lexislaturas que foi obrigado a dimitir da dirección da empresa pública tras adxudicar un contrato ao seu bufete de avogados.

A mediados de 2011, Sogama adxudicaba a unha unión temporal de empresas participada por compañías do grupo Valtalia a concesión do mantemento da planta de coxeración e termoeléctrica de Cerceda, malia que a súa oferta económica era superior á doutras compañías.

A polémica tras Valtalia

A polémica persegue a Valtalia desde os seus comezos. En 2016, Fomento de Construcciones y Contratas (FCC) denunciou "trato de favor" en beneficio da compañía ourensá tras adxudicarlle Sogama as obras de ampliación do complexo de Cerceda.

Pola súa parte, a asociación Galicia Ambiental denuncia "o proceso de privatización e concentración nunha mesma 'organización', a través de procesos escasamente transparentes, das concesións relacionadas coa xestión pública do lixo nun mesmo contorno empresarial: o ourensán grupo Copasa e as súas compañías relacionadas familiar e/ou accionarialmente, como Valtalia, Setec Building, Sociedade Galega de Polímero, Papeis e Desenvolvementos, Espina Obras Hidráulicas, etc".

Galicia Ambiental considera "Valtalia e as súas empresas satélite" como "un conglomerado empresarial vinculado ao grupo construtor ourensán Copasa". O primeiro executivo e accionista de Valtalia, César Pereira, está ligado familiarmente ao presidente da construtora Copasa, José Luis Suárez. Este último viuse obrigado a declarar como testemuña na última causa aberta polos "papeis de Bárcenas" en 2021, tras aparecer un apuntamento na contabilidade do ex tesoureiro do Partido Popular que o relacionaba cunha entrega de 75.000 euros á formación conservadora en marzo de 2004.

As ligazóns do PP con Copasa

O nome de Copasa aparece vinculado ao Partido Popular desde practicamente a súa constitución en 1985. Nunha crónica publicada en abril de 1995 no diario El País, afirmábase que "Copasa experimentou unha grande expansión comercial coincidindo coa volta dos populares ao Goberno galego en 1990". Ademais, púñase de manifesto que José Luis Suárez partillaba negocios co deputado do PP Aurelio Miras Portugal e indicábase a relación coa mercantil de Higinio Palmou, irmán do dirixente popular Jesús Palmou.

A construtora apareceu ligada a diversas operacións de financiamento do PP galego. Por exemplo, nun informe elaborado en 2006 polo xerente da formación naquela altura, Modesto Fernández, onde se recollían doazóns de 19 grupos empresariais -o importe superaba nalgúns casos o límite legal fixado pola lexislación-, aparecía a construtora como primeira doante dos populares, cunha achega de 380.245 euros. Detrás dela, destacaban outros grupos empresariais ligados á obra civil, como FCC, CRC Ramón Carro, ACS ou o grupo Campo; ás obras hidráulicas, como Espina y Delfín, ou ao xogo, como Egasa.

 Os responsábeis de Copasa negaron a veracidade desta doazón, na liña da maioría das empresas sinaladas no informe de Modesto Fernández.

A construtora con sede en Ourense foi unha das grandes beneficiadas nos contratos públicos da Xunta na época de Manuel Fraga como adxudicataria de importantes obras na Cidade da Cultura, e na etapa de Alberto Núñez Feixoo, de quen recibiu a construción e explotación por 30 anos da autoestrada de Ourense a Celanova.

Os contratos de Valtalia, na Cámara

O deputado BNG Luís Bará rexistrou unha iniciativa no Parlamento co obxectivo de que a Xunta explique as adxudicacións de Sogama a Valtalia, as medidas previstas "en relación á concentración das adxudicacións nese grupo" e a disposición a modificar os criterios de valoración da oferta.