O grupo Valtalia é un gran beneficiado dos contratos adxudicados pola sociedade

Os contratos de Sogama, baixo sospeita

As sospeitas pairan sobre a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) desde a súa fundación. A compañía, na que a Xunta da Galiza conta con 51% do seu capital, está recibindo fortes críticas pola súa política de adxudicacións. O grupo Valtalia é o gran beneficiado dos contratos.

13,30 h.-        A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, reunirase con representantes da UTE adxudicataria do contrato para o mantemento do complexo medioambiental de Cerceda

foto xoán crespo
18/01/2022
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, con membros de Valtalia en xaneiro.(Foto:Europa Press)

O 13 de decembro de 2021, Sogama fixo pública a resolución pola que adxudicaba a concesión do servizo da operación e mantemento da planta de coxeración, planta termoeléctrica e comúns do complexo ambiental de Cerceda. Outorgou por unha contía de 238 millóns de euros e un prazo de 10 anos a xestión da incineradora de Cerceda a unha unión temporal de empresas (UTE) formada pola Sociedad Gallega de Polímeros SA, Setec Building SLU e Espina Obras Hidraúlicas SA, mercantís ligadas ao grupo Valtalia.

A UTE gañadora do concurso impúxose a outra promovida polas construtoras madrileñas Fomento de Contrucciones y Contratas (FCC) e Sacyr, malia que a oferta destas foi 21,2 millóns de euros máis barata. A este respecto, o enxeñeiro de camiños, canais e portos e vicepresidente executivo da Asociación pola Excelencia dos Servizos Públicos, Ramiro Aurín, sinala a Nós Diario que "a este contrato só se presentaron dúas compañías e unha delas, FCC, estivo valorando até o final formalizar a súa oferta porque tiña moitas dúbidas de que lla concedesen".

"O prego deste concurso é extremadamente perverso", continúa Aurín, quen critica que as "bases fixan para acreditar a solvencia técnica da oferta estar traballando na planta nos últimos anos". Na mesma liña, o director de comunicación de Galiza Ambiental, Benito García, indica a Nós Diario que "o criterio de valoración subxectiva empregado por Sogama amosa a preferencia 'inxustificada' da empresa polo actual explotador e concesionario de case todas as seccións de Sogama, xa que non valorou medidas innovadoras nin as consecuencias derivadas da entrada en vigor da nova Lei de residuos".

As queixas con este concurso chegan de diversas partes. Así, o presidente do Instituto de Enxeñaría de España, José Trigueros, entende que "pasaron 30 anos e o problema que vin no último concurso que se presentou é que non aprendemos do pasado e seguimos sacando os mesmos pregos, onde a innovación brilla pola súa ausencia". Na mesma dirección, asegura que os pregos están "obsoletos totalmente", e "non se pode valorar unha mellora técnica que está en 3 puntos sobre 50". Aurín vai máis alá e asegura que "se analizamos os pregos dos últimos 10 anos de Sogama, case sempre gañan os mesmos".

O vertedoiro de Areosa

A historia do contrato de mantemento do complexo de Sogama en Cerceda presenta similitudes con outras adxudicacións da empresa na última década. En novembro de 2019 Sogama sacou a concurso a xestión integral do vertedoiro de Areosa (Cerceda) por unha contía de 40.889.132,13, resultando gañador Setec Building, unha das mercantís do grupo Valtalia.

Outro tanto aconteceu en 2015, cando Sogama licitou por 335.086.802 de euros a construción dunha planta de clasificación de materiais contidos nos residuos urbanos e o seu servizo de operación, mantemento e limpeza, a obra de modificación da planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustíbel para a clasificación de materiais. Máis unha vez, unha UTE de sociedades do grupo Valtalia fíxose co contrato.

Benito García responsabiliza desta situación o "modus operandi" de Sogama. "Defínese unha puntuación técnica e unha puntuación económica. Sempre existe un corte técnico, que implica obter unha mínima puntuación para non resultar descualificado. A valoración económica tamén conta cunha fórmula de temeridade. En caso de entrar en baixa temeraria, require dun informe xustificativo que a mesa de contratación é soberana para aceptalo ou non. Outórgase unha puntuación técnica moi alta á oferta gañadora, e moi baixa ao resto de licitadores, de tal forma que se abre unha fenda imposíbel de recuperar na valoración económica sen entrar en baixa temeraria", conclúe García.

O grupo Valtalia é o gran beneficiado das adxudicacións de Sogama na última década. O conglomerado empresarial con sede en Ourense declarou unha facturación de 122 millóns de euros e un cadro de persoal de 900 persoas nos seus diferentes centros de traballo do mundo onde está presente.

César Pereira

O primeiro directivo, máximo accionista e fundador de Valtalia é Cesar Pereira, un enxeñeiro industrial que en diversos momentos apareceu como administrador único de sociedades como Setec Building, Sociedad Gallega de Polímeros SA ou Espina Obras Hidraúlicas SA, marca histórica comprada por Valtalia en decembro de 2019. Pereira está vinculado familiarmente ao presidente da construtora ourensá Copasa, José Luis Suárez.

Comentarios