Concentracións na Galiza en defensa de Pablo Hasel

Pablo Hasel, camiño da Audiencia Nacional, canda o seu xuízo en 2016 (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
A Audiencia Nacional ordenou esta semana a entrada en prisión do rapeiro.

O rapeiro Pablo Hasel ingresará en prisión nas vindeiras datas para cumprir unha pena de nove meses de cadea por un delito de "enaltecemento do terrorismo e inxurias e calumnias á Coroa e os corpos policiais". 

Así o notificou a pasada quinta feira o Xulgado de Vixilancia Penitenciaria da Audiencia Nacional, que lle concedeu un prazo de dez días para entrar no cárcere.

Esta decisión chega após o anuncio en novembro pasado de que o Tribunal Constitucional non admitía a trámite o recurso que Hasel presentara contra a súa condena, confirmada polo Supremo en xuño.

En resposta a esta situación, nas vindeiras datas foron convocadas en diferentes puntos do Estado español senllas mobilizacións de apoio ao cantante e en defensa da liberdade de expresión.

Na Galiza xa están confirmadas catro concentracións o sábado 6 de febreiro ás 12 horas, en Vigo (Praza da Princesa), Compostela (Praza do Toural), Ourense (Praza do Ferro) e Lugo (Praza Maior).

Hasel, condenado por "contar feitos obxectivos"

Hasel foi condenado a 9 meses e 1 día de prisión pola Sala de Apelacións da Audiencia Nacional en setembro de 2018, así como ao pagamento dunha multa de aproximadamente 30.000 euros, por difundir mensaxes en Twitter, así como por difundir a canción 'Morte aos Borbóns', unhas accións que a Xustiza do Estado vén de considerar constitutivas de delito.

"Ao final non houbo a suficiente solidariedade para parar isto" —en referencia á súa condena—, e apuntou que afecta á maioría porque non se garante a "liberdade de expresión". "Vanme meter na cadea por contar feitos obxectivos, mais xamais van dobregarme", engadiu.