O rap perante o señor fiscal

Fanse habituais os xuízos no Estado español contra rapeiros polos contidos dalgunhas das súas cancións ou vídeos. Acusacións por 'inxurias á Coroa' ou 'enaltecemento do terrorismo', entre outras, nas que toma cartas até a Audiencia Nacional.

rap cantante hip hop Imaxe radio grenouille
photo_camera Imaxe: radio grenouille

Josep Miguel Arenas é 'Valtònyc', un rapeiro mallorquí para o que a Fiscalía vén de solicitar 3 anos e 8 meses de prisión por “enaltecemento do terrorismo” e “inxurias á Coroa”, ademais de 4.000 euros de fianza. Todo iso por unha canción, 'Circ balear', que xerou unha denuncia do presidente do Círculo Balear, entidade da illa sinalada como “españolista”. Valtònyc é unha doa máis a sumar aos xuízos e denuncias que no Estado español se sucederon nos últimos tempos contra rapeiros, nunha dinámica que ten certa tradición no Estado: levar perante a xustiza a intérpretes polo contido dos seus temas. O 2016 arrancou, premonitoriamente, coa imputación de Ayax e Prok, dous rapeiros de Granada, acusados de inxurias e calumnias contra á policía por un dos seus temas.

No estado español ou francés non é unha novidade que rapeiros acaben declarante perante o xuíz polas súas letras

En Galiza, o lucense Volk GZ, integrante de 'Tinta Rebelde', foi xulgado en setembro polo vídeo dun dos seus temas, acusado de presuntas ameazas a Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe. Esta afirmou que ao escoitar a canción se lle puxeron os “pelos de punta” e que se sentíu “ameazada”. Volk GZ explicou perante o xuíz que a letra era unha crítica sobre a dificil situación do galego. “Tento ver o galego no blogue de Gloria Lago, oh oh pero non o atopo/ Só leo parvadas, que só defenden mentes pechadas, o seu bilingüismo non/ Mentres Rajoy non sabe nen pronunciar un son, hai debuxos animados en inglés na TVG2.”

Mais se hai un rapeiro no Estado ao que as súas letras e comentarios levaron a ter que declarar en diversas ocasións perante a xustiza durante estes anos este foi Pablo Hasel. O catalán tivo que comparecer recentemente perante os Mossos por unha denuncia da Audiencia Nacional a raíz da súa canción 'Juan Carlos el Borbón'. Era a segunda investigación que o antiguo Tribunal de Orden Público (TOP) franquista realizaba sobre este cantante, ao que en 2014 condenou a 2 anos de prisión por incitar ao odio e enaltecemento do terrorismo. Hasel tamén foi albo de denuncias de políticos (o alcalde de Lleida) e xornalistas. Los Chikos del Maíz saben tamén o que é estar no punto de mira. A Asociación de Víctimas del Terrorismo (AVT) solicitou a Podemos que suspendese o concerto dese grupo no peche de campaña podemita en Sevilla por, disque, “despreciar as vítimas”.

"Non é unha novidade"

O propio Volk GZ, en declaracións recollidas na web de Ceivar, afirmaba a raíz do seu xuízo que “a represión de músicos no Estado español non é unha novidade”. É certo. Pola Audiencia Nacional pasou, por exemplo,o grupo vasco SA (Soziedad Alkólika), que foi xulgado tamén por “enaltecemento do terrorismo” polas letras de cancións como 'Explota zerdo'. O tribunal absolveu en 2006 o conxunto de Gasteiz por entender que non había apoloxía de ETA. Máis recentemente, en 2012, a AN impuña unha multa de 900 euros para cada un dos tres integrantes de 'Ardor de estómago' por un delito de 'Inxurias á coroa' nun tema que, curiosamente, facía parte dun disco editado polo Concello de Segovia co gallo da IV Mostra de música xove.

Un dos casos máis relevantes foi o acontecido en 1993, cando Rodríguez Galindo, daquela teniente-coronel da Garda Civil, demandaba o grupo vasco Negu Gorriak por un delito de danos á súa honra e difamación. A demanda respondía ao tema 'Ustelkeria' (Podredume), no que se falaba das relacións deste militar co narco-tráfico, en base a informacións saídas en varios medios (Egin, Diario 16, Egunkaria). Galindo pedía 90.000 euros e que esa canción non poidese nunca interpretarse ao vivo. No 2000 o Tribunal Superior absolvía Negu Gorriak, que celebrou a boa nova con 3 concertos de despedida: un en Baiona (4.000 persoas) e outros 2 en Donostia (13.000 persoas). Galindo foi condenado posteriormente a 75 anos de cárcere polo caso do secuestro, tortura e asasinato de Lasa e Zabala, 2 refuxiados vascos militantes de ETA.

A Asociación de Vítimas de Terrorismo 'Verde esperanza' e diversos grupos teñen solicitado nos xulgados a paralización de concertos por entender que se aldraxaba ás vítimas ou enaltecía o terrorismo: Fermín Muguruza, SA, Su Ta Gar, Piperrak, Los Chikos del Maíz ou mesmo os italianos Banda Bassotti.

E en Estados Unidos?

No país onde naceu o rap [“A CNN dos barrios negros”, como o cualificou Chuck D, de Public Enemy] o rap ten estado non poucas veces no epicentro de polémicas e controversias. A diferenza do Estado español raramente acabaron dirimíndose nos xulgados. Prevalece a primeira emenda, que protexe a liberdade de expresión. Citaremos só tres casos de letras de rapeiros que provocaron unha enfurecida reacción de autoridades políticas e policiais. Enfurecéronse, e moito, mais ninguén pediu que se metera no cárecer aos intérpretes nin estes foron xulgados.

'Fuck tha police' (Fode á policía) de NWA xerou a principios dos 90 un forte escándalo. A letra, dura, contiña unha restra de insultos á policía por racistas combinada con chamadas máis ou menos veladas a responder con violencia á violencia policial. O mesmísimo FBI tomou nota e remitiu unha carta á discográfica, Ruthless Records, ameazando con medidas. Os NWA foron vetados en varias cidades e sofreron boicots. Non tiveron que dar contas por esa letra perante a xustiza, certo, mais a vida fíxoselles complicada coa policía pendentes da mínima oportunidade de cachalos nas patacas.

'Cop Killer' de Body Count tamén montou unha boa. Xerou un aluvión de críticas, á fronte das cales se situou o daquela presidente George W. Bush. Publicada en 1992, axiña congresistas e senadores, así como representantes policiais e de asociacións 'dos bos costumes', solicitando que fose censurada. O responsábel da letra, o rapeiro Ice T, defendeuna no marco da liberdade de expresión e dixo que había que entendela no contexto. E cal era ese contexto? En abril de 1992 publicouse a sentenza do xuízo pola brutal malleira de varios policías a un mozo negro desarmado, Rodney King. O xurado branco absolveu os policías, embora as gravación da malleira ser retransmitidas polos canais de noticias, o que xerou uns disturbios en Los Angeles que se saldaron coa mobilización do exército, 54 mortos e miles de feridos. Bush acusou 'Cop Killer' de incentivar os disturbios. Ice T respondeulle que moitas grazas polo cumprido pero que non.

KRS-One, coñecido como 'The Teacher' (O mestre) publicaba nos 90 'Sound of a police', canción na que rimaba co de que “os verdcadeiros criminais son os policías”. Cun son de sirenas policiais de fondo, O mestre rapea un retrouso que se fixo clásico: “o son da policía / o son da besta”. Sindicatos policiais e políticos cargaron contra canción e cantante, acusándoo de fomentar o odio contra as forzas de seguridade. Ao igual que nos outros dous exemplos, os responsábeis das acusacións desistiron de levar a cuestión aos xulgados por considerar que estes primarían a liberdade de expresión. 

Comentarios