Os concellos síntense "afogados" pola carencia de recursos para a atención á dependencia

Encontro entre a conselleira Fabiola García e o presidente da Fegamp, Alberto Varela. (Foto: Europa Press)

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa conselleira de Política Social, Fabiola García, que dixo que estudará un posíbel incremento das partidas orzamentarias. No entanto, polo momento non houbo ningún compromiso en firme para apoiar os coidados de maiores e dependentes en plena pandemia.

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, mantivo esta segunda feira unha reunión coa responsábel da Consellaría de Política Social, Fabiola García, na que lle puido trasladar a preocupación dos municipios pola falta de fondos para o servizo de axuda no fogar.

Varela demandou unha achega maior de fondos para atender á veciñanza maior ou dependente e paliar a “asfixia” económica na que se ven os concellos en plena crise da Covid-19.

A presión asistencial aumenta, mais de momento non o fixeron os cartos. “Trasladeille á conselleira o afogados que estamos os concellos galegos cun recurso que é fundamental para atender aos nosos maiores e aos nosos dependentes”, aclarou Varela.

Os custos extra están “sobrecargando” os plans orzamentarios locais e tanto pequenos como medianos municipios “non van ser quen de facer fronte a esa situación” por moito máis tempo. O representante comentou que, por exemplo, teñen máis tarefas como poden ser o reparto de comida e fármacos á veciñanza, a necesidade de cubrir produtos básicos polos despedimentos...

A este respecto, Varela lamentou que as administracións locais sexan as que teñen máis carga económica. “Se os prezos de licitación están arredor de 16 euros a hora, os concellos poñen 7, somos a administración que máis diñeiro aporta”, subliñou.

Ante as súas peticións, a conselleira Fabiola García recoñeceu que hai que facer “unha actualización da axenda social única” adaptada á pandemia e dixo que estudará a achega dun maior investimento desde a Xunta.

No entanto, García -e tamén Varela, en parte- defendeu que igualmente ten que aumentar a contía que chega desde o Goberno do estado español.