Centos de sinaturas do persoal de Política Social pola “devolución” dos “dereitos roubados”

Denuncian que, tras sete semanas de mobilizacións, o Goberno galego "non se dignou nin contestar" e cren que a conselleira "está inhabilitada".

 

Entregan 2.500 sinaturas de traballadores e traballadoras de Política Social para recuperar os dereitos roubados" (Foto: Europa Press)
photo_camera (Foto: Europa Press)

Representantes sindicais dos traballadores e traballadoras dos centros de Política Social entregaron esta quinta feira na Xunta 2.500 sinaturas recollidas para reclamar que a Administración galega abra unha mesa de diálogo que permita recuperar "os dereitos roubados" desde o ano 2012 e mellorar as súas condicións laborais.

Con esta acción, as e os traballadores continúan as súas reivindicacións en relación aos dereitos "suspendidos" desde o ano 2012 e ante a negativa da Xunta a atender as súas reclamacións "lexítimas", que pasan por "conseguir unhas mellores condicións de traballo", segundo explicou a Europa  Press o representante da CIG, Uxío Zabala.

Nesta liña, Fina Martínez, de UXT, quixo "denunciar publicamente" a "xordeira selectiva" da conselleira de Política Social, Fabiola García, que, tras sete semanas de concentracións de protesta ante os centros de traballo "segue sen escoitar" aos traballadores e "sen convocalos a unha mesa" de negociación.

Carmen Soengas, de CSIF, incidiu no esforzo realizado por todo o persoal dos centros de Política Social durante a pandemia e pediu que a Consellaría "deixe de castigar" as e os traballadores, cuxa "profesionalidade está máis que demostrada".

"Somos unha cadea e non fallou ningún elo, se fallase, habería bastantes  contaxios", explicou Soengas a Europa  Press.

Tamén Emilio  Doforno, de CC. OO., cargou contra a conselleira de Política Social que, dixo, "está inhabilitada" para seguir no cargo, dado que, "despois de sete xoves de mobilizacións e pedindo que se abra unha mesa de negociación, non se ha  dignado sequera a contestar ou interesarse por este conflito".

Comentarios