A Xunta non renova nos orzamentos o servizo de axuda ao fogar extraordinario

A oposición alerta da precariedade laboral no sector sociosanitario durante a comparecencia da conselleira de Política Social, Fabiola García, no Parlamento.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, compareceu hoxe na comisión de Economía e Facenda do Parlamento galego. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera A conselleira de Política Social, Fabiola García, compareceu hoxe na comisión de Economía e Facenda do Parlamento galego. (Foto: Xunta da Galiza)

O modelo residencial, os recursos para a asistencia no fogar ou o non incremento das pensións non contributivas protagonizaron o debate na comisión parlamentar de Economía e Facenda á que hoxe acudiu a conselleira de Política Social, Fabiola García, para detallar, no que ten a ver coa súa carteira, a proposta de orzamentos da Xunta da Galiza para 2021. 

García destacou que as contas do seu departamento chegan aos 894,4 millóns de euros, o que constitúe "o maior investimento nesta área na historia", xa que aumentan 15,3% respecto a 2020.

A conselleira iniciou a súa intervención recoñecendo o traballado desenvolvido polo persoal sociosanitario na pandemia e desde o BNG, a deputada Olalla Rodil, sumouse a esas palabras mais incidindo en que o mellor recoñecemento é dar cumprimento aos dereitos laborais, motivo polo que instou o Goberno galego a ordenar a recuperación do dereitos de descanso e festivos suspendidos pola lei de medidas temporais no emprego público en 2012. "A pesar de que a lei incorporaba o termo temporal no seu título, estes recortes de dereitos levan oito anos en vixencia", criticou Rodil.

A nacionalista lamentou que non se incremente o complemento galego das pensións non contributivas e que continúe sen actualizarse desde 2009, e recordou que falar desta pensión é falar de "38.000 persoas que no noso país subsisten cunha media de ingresos de 389 ou 430 euros, unhas contías coas que fican por baixo do limiar da pobreza". 

Consellaría infravalorada

A deputada do Partido Socialista, Marina Ortega, lamentou que Política Social fique "infravalorada" polo Executivo galego e reparou en que, malia aos orzamentos subiren 14% respecto aos de 2020, "a partida destinada a inserción social, que dota as pensións asistenciais, só aumenta 4,3 puntos porcentuais". Para Ortega, "o lóxico sería que este apartado medrase máis que o global, pois é chave na recuperación". Así mesmo, a socialista preguntouse "como é posíbel nestes momentos de crise retirar o servizo de axuda ao fogar extraordinario que achega coidados ás persoas dependentes".

Pola súa banda, a conselleira retrucou que ese servizo extraordinario estivo en marcha na primeira vaga da pandemia ao estaren fechados os centros de día, mais agora non sería preciso ao estaren abertos e ao consignarse un incremento de 10% dos fondos do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF). Porén,  Rodil retrucou que as contas do SAF aumentan porque a lei de dependencia marca que os servizos sexan progresivos, polo que cada ano teñen que atender máis usuarias pero, aclarou, o gasto da Xunta por hora non medra.

Modelo residencial

Rodil botou en cara á conselleira que anuncie un novo modelo residencial e que non o consigne nos orzamentos xa que, por exemplo, incrementar os ratios de persoal suporía un gasto que non aparece. Aliás, reprochou que a construción de sete novas residencias sexa só en cidades e que cada xeriátrico vaia albergar 150 persoas en vez de apostar por máis centros, de tamaños máis reducidos e inseridos nos barrios. As sete novas residencias, explicou a conselleira, terán esas 120 e 150 prazas, mais prevén "unidades de convivencia máis pequenas" dentro das mesmas. 

Comentarios