Os Concellos, obrigados a limpar as fincas

Labores de extinción do fogo na Serra do Courel en xullo. (Foto: Carlos Castro, Europa Press)
O Consello Consultivo insta os municipios "a cumprir a lei"

O Consello Consultivo da Galiza emitiu esta terza feira un informe no que ratifica que os Concellos están obrigados a cumprir o mandato da lei autonómica de prevención contra incendios forestais e exixir a limpeza de fincas ás persoas propietarias ou, de ser necesario, asumir a execución subsidiaria desta obrigación.

Así o fixo constar nun informe realizado a petición dun concello e relativo a tres cuestións: os "riscos" nos que se incorre a realizar a execución subsidiaria, se esta supón de facto a anulación da propiedade privada e, se basta para xustificar o paso, invocar "un risco xeneralizado" de incendios, a pesar de que os rexistro estadísticos certifican un rexistro nulo de fogos na zona en cuestión.

En relación ás cuestións sometidas a informe, o Consultivo interpreta que, cando se formula unha consulta en relación aos riscos, a entidade solicitante alude a "riscos xurídicos" como "aquelas ameazas que, na orde xurídica, pódense derivar do seu incumprimento de obrigas leais, que non precisamente do seu cumprimento, ou de intervención sobre dereitos dos particulares carecendo de suficiente respaldo normativo".

A este respecto, remítese á lei galega de 2007 para concluír que, dado que con este tipo de execucións se estaría a dar "plena efectividade" a un mandato legal, "non pode entenderse que con isto se asuma un risco, no sentido técnico xurídico". Pola contra, advirte de que "se puidese existir algún risco" para un concello en cuestión derivaría de non actuar conforme lle obriga a lei.

O órgano consultivo tamén conclúe que a execución subsidiaria prevista na lei que vela pola protección fronte aos incendios non supón unha anulación do dereito da propiedade privada senón que, pola contra, "constitúe un mecanismo para garantir o cumprimento da función social de dita propiedade". Con todo, engade que as actuacións de execución subsidiaria deben ser necesarias para garantir o cumprimento da función social, aínda que "respectando sempre o principio da proporcionalidade".

O Consultivo tamén remarca que o cumprimento deste mandato relativo á posíbel execución subsidiaria da limpeza de fincas está desvinculado na propia norma de dato estadístico algún sobre a cantidade de fogos rexistrados nunha zona concreta.

Ademais, esgrime que se trata dunha actuación preventiva para permitir que, de producirse incendios, estes "non se propaguen de forma incrontrolada, con perigo tanto para o monte en si como para as persoas e bens".