Os concellos galegos do Cantábrico exixen a Renfe que repoña as conexións ferroviarias

Reunión dos representantes dos concellos do litoral cantábrico. (Foto: César Galdo)

Representantes de varios municipios mantiveron esta cuarta feira unha reunión urxente para falar dos problemas de conexión pola suspensión de servizos de tren entre Ferrol e Ribadeo. Malia que a operadora fala de descenso de usuarias, aseguran que existe unha demanda real.

O malestar con Renfe polos recortes nas conexións e frecuencias ferroviarias para conectar toda Galiza con motivo da pandemia e a negativa da operadora a repoñer os servizos após do confinamento segue a deixarse notar. Esta cuarta feira varios concellos do eixo Ferrol-A Mariña exixiron o restabelecemento inmediato das opcións de mobilidade.

O Centro Cultural Francisco Piñeiro de Moeche acolleu esta mañá a reunión de traballo dos representantes municipais para chegar a un acordo que lles permita ter máis forza nas súas reivindicacións ante Renfe. Tamén acudiron responsábeis da comp0añía, que escoitaron de viva voz as necesidades que teñen as comarcas da zona cantábrica.

Os municipios pediron que se cumpran as promesas acadadas en 2018 para manter a maquinaria e as infraestruturas, pero ademais non aceptan que a operadora se escude na suposta falta de clientela para non volver a ofertar as frecuencias de antes da corentena.

Como no resto da Galiza, desde a empresa din que reactivarán as conexións a medida que haxa máis demanda, pero as e os interlocutores na xuntanza de hoxe aseguran que “a demanda existe pero faltan servizos para atendela”.

“En calquera caso, a crise sanitaria non xustifica que se suspendan os traxectos máis necesarios, como é o de primeira hora da mañá entre Ortigueira e Ferrol e o de volta a última hora da tarde”, recalcou a rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy.

Xunto cos seus homólogos de San Sadurniño, Burela, Cerdido e Ortigueira, pediu ao delegado institucional para Galiza de Renfe, Javier Pérez, así como aos responsábeis Javier González e Enrique Fonte, que se retomen as frecuencias das 6.30 horas e das 20 horas.

Un impulso ao abandono

“Imos fartos de xuntanzas estériles e queremos solucións”, reivindicou Bascoy, convencida de que Renfe quere deixar ese corredor sen servizos.

O rexedor de Burela, Alfredo Llano, advertiu de que “se está deixando ir” un “servizo público” que permite conectar moitos termos municipais. O representante de Cerdido, Benigno Galego, tamén criticou que “se aproveitase a pandemia para reducir servizos”.

Traspaso de competencias

Pola súa banda, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, lamentou que o tren veña “morrendo a prazos desde hai anos”. Defende a reposición e o impulso ás liñas de proximidade, mesmo traspasando as competencias á Xunta da Galiza. Entende que desa forma podería copiarse o exemplo de Euskadi.

“O ten pode non ser rendíbel, pero a xente quere vivir aquí, un cativo de Moeche ou Cerdido ten dereito a ir no tren ao instituto”, reflexionou García. Para darlle un empurrón maior a este discurso, os alcaldes convocarán ao resto de rexedores das comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña.

Tamén pretenden falar con Renfe e Adif nun encontro de traballo no que estea representada a Plataforma en Defensa do Tren Ferrol-Ribadeo.