Concellos do Baixo Miño únense para investigar a situación real da Atención Primaria na zona

De esqueda a dereira, as alcaldesas do Rosal, A Guarda, Tomiño e a tenente de alcalde de Tui. (Foto: Concello de Tomiño)
“Defenderemos que a sanidade sexa unha prioridade e xuntos teremos máis forza para reclamar unha atención primaria de primeira”, aclaran as representantes de Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda. Aseguran que o deterioro da atención nos ambulatorios do Sergas nestes municipios é unha "evidencia", especialmente despois da chegada da crise sanitaria, e queren contar con datos de primeira man que o demostren.

O suposto deterioro da Atención Primaria que detectan varios concellos do Baixo Miño animounos a impulsar a creación dunha Comisión de Seguimento pola Sanidade pública na que van estar representadas as profesionais da sanidade, algúns grupos políticos e os catro municipios integrados na Mancomunidade, é dicir, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui.

O caso da Guarda é especialmente coñecido porque xa existiron diversas denuncias sobre a situación do centro de saúde e mesmo recibiron resposta do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmando que non podía obrigar ás facultativas a trasladarse alí.

Con independencia desta polémica, representantes dos catro gobernos locais reuníronse nesta segunda feira porque entenden que existe un problema e que non é exclusivo da Guarda. A través da comisión que van crear realizarán un estudo e un "seguimento exhaustivo, en colaboración cos profesionais da Atención Primaria -desde doutoras a enfermeiras, pasando polo persoal administrativo)-, da situación actual de cada un dos centros de saúde da comarca".

O obxectivo final é contar con "información de primeira man" de como están a funcionar os ambulatorios, explicaron as alcaldesas do Rosal (Ánxela Fernández) e Tomiño (Sandra González), o alcalde da Guarda (Antonio Lomba) e a tenente de alcalde de Tui (María Yolanda Rodríguez). En función deses datos defenderán "que a sanidade sexa unha prioridade".

A alianza responde á consideración de que "xuntos" contarán con "máis forza para reclamar unha Atención Primaria de primeira”.

 “A situación da sanidade pública en atención primaria está nunha situación de absoluta precariedade; non é cousa nova pero acentuouse coas medidas tomadas a partir do confinamento e a diminución da atención presencial”, aseguran.

Desde o seu punto de vista, "a estes recortes hai que sumar a falla de substitucións por baixas ou vacacións, o que provoca que nos centros haxa poucos médicos dispoñibles e longas esperas, de semanas, para obter unha cita".