Comesaña di que os profesionais sanitarios “cobran o que merecen” e subliña a "estabilidade" do Sergas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou esta cuarta feira no Parlamento galego que os profesionais sanitarios "cobran o que merecen" e erixiu ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) como un "exemplo de estabilidade".

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, nun pleno do Parlamento galego. (Foto: Europa Press)
photo_camera Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, nun pleno do Parlamento galego (Foto: Europa Press)

Un día despois de que Nós Diario publicase en exclusiva que persoal sanitario do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo deixará de realizar actividade cirúrxica fóra da xornada ordinaria, debido ás condicións económicas -logo do recorte aplicado en 2010-, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña defendeu que os profesionais “cobran o que merecen”.

Ademais, na súa intervención no Parlamento, sinalou que o Sergas é “exemplo de estabilidade”, a pesar das múltiplas denuncias formuladas por persoal sanitario e sindicatos referidas á precariedade.

Comesaña cifrou en 60.000 os euros que cobra un “médico recentemente formado”, o que cualificou como un "soldo digno". "Cobran o que se merecen na liña do que cobran no resto do Estado", abundou.

Tras as críticas do parlamentario socialista Julio Torrado en relación á xestión dos recursos humanos do Sergas por parte do Goberno do PP na Xunta, o conselleiro de Sanidade reivindicou Galiza "como exemplo no Estado" en convocatoria de ofertas públicas de emprego (OPE) cun "esforzo ímprobo" tanto das persoas que as organizan, como dos tribunais.

Por iso, pediu un "mínimo respecto" ás persoas que traballan no Sergas, servizo ao que erixiu como "exemplo de estabilidade". Con todo, puntualizou que este "non pode deixar de ter eventualidade", aínda que subliñou que traballan para que esta "se reduza ao mínimo imprescindíbel".

Torrado lamentou o "desprezo profundo" aos profesionais sanitarios por parte de dirixentes da Xunta como o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, segundo afirmou, por "atacalos cando protestan por unhas cuestións que non lle gustan".

O Sergas, dixo o socialista, "funciona grazas aos seus profesionais", á vez que sinalou un "déficit de profesionais nalgunha especialidade" e mostrou a súa preocupación pola cobertura de prazas tras as xubilacións.

Para Torrado, as condicións laborais que se ofrecen na Galiza son "das peores do Estado" e lamentou que haxa MIR que terminan a súa formación aquí e que marchan fóra porque "non son contratados de maneira estábel no Sergas". "A planificación estrutural do Sergas é a peor ETT da Galiza", afirmou Torrado.

O conselleiro de Sanidade, tras agradecer o seu traballo aos traballadores do Sergas, destacou que contan con máis de 42.000 profesionais de varias categorías. Ademais, rexeitou as críticas do PSOE e lembrou o incremento orzamentario para contratación este ano, así como a incorporación de 296 profesionais. "Non son promesas, son prazas de persoal fixo", defendeu.

Ademais, o conselleiro cargou contra o Goberno estatal por "non eliminar" a taxa de reposición.

Comesaña incidiu en que desde 2019 os contratos por chamamento formalízanse por entre un e tres anos, coa vocación de "convertelos en prazas estruturais".

Comentarios