Opinión

En resposta a Julio García Comesaña

Estimado conselleiro de Sanidade.

Non hai moito pedía ao presidente da Xunta que se abstivese de lanzar afirmacións que puidesen fomentar a desconfianza e o enfrontamento entre persoal e usuarias do sistema sanitario. Entendo que non lle chegaron a vostede as miñas palabras, xa que insiste con artes, digamos, deshonestas.

Porque non ten outro cualificativo o feito de empregar como argumento en defensa da súa xestión para coa vila da Guarda e os concellos do seu entorno, medias verdades e algunha mentira completa.

Ofrecen vostedes contratos de continuidade de un a tres anos por 60.000 euros e, mesmo así, non conseguen persoal médico. Que mais poderían facer? Oxalá gobernasen vostedes con maioría absoluta, non? Vaiamos por partes.

O contrato de continuidade que menciona non garante a permanencia nun centro, senón que asigna o profesional a unha área. Así, a persoa que acepta dito contrato, cubrirá as ausencias máis primordiais de dita extensión, por períodos dun máximo de 15 días. Sóalle o que lle comentaba ao seu xefe da continuidade asistencial como garante da Atención Primaria?

A área en cuestión podería comprender, como unidade básica, os centros da Guarda, Oia e o Rosal. Actualmente saberá, no centro de saúde de Oia hai dúas prazas de médico de AP, das cales ambas están en incapacidade temporal. O que fai pensar que sería o centro a cubrir primordialmente. En que axudan estes contratos a garantir unha continuidade na atención, tanto para as persoas da Guarda como para as persoas de Oia? Quero lembrar a importancia do seguimento por unha mesma persoa das patoloxías crónicas, e non só crónicas, dunha persoa.

Non é só que estes contratos rompan ese vínculo, é que abren a porta á creación de prazas estruturais con estas características, é dicir, institucionalizan a ruptura dese vínculo. Cuestionan as bases da Atención Primaria. E é por este deterioro na calidade asistencial, así como pola inestabilidade que comporta para o persoal, que esta modalidade contractual foi rexeitada polo colectivo de facultativas de Medicina Familiar e Comunitaria.

60.000 euros cobraría un médico recentemente formado? Tan logo esqueceu a súa etapa de xerente, ou é que nunca se chegou a interesar? Porque sabería, consultando a confección de nóminas, que a contía percibida por unha médica acabada de formar, achégase aos 42.000 euros, divididos en 14 pagas. Como contía bruta, que é un dato que esquece mencionar.

Como brutos serán, figúrome, os 68.154,24 euros que percibe vostede anualmente no seu actual posto, cousa que non me verá criticar. Non son eu dos que defendan restrinxir, vía recorte salarial, a actividade política pública ás capas sociais menos favorecidas e reservalas só a quen xa parta de boa posición económica. Pero non é elegante falar dos salarios dos demais, especialmente cando se mente sobre o mesmo coa intención de deslexitimar as protestas dun colectivo.

Quero lembrar a importancia do seguimento por unha mesma persoa das patoloxías crónicas, e non só crónicas, dunha persoa. Non é só que estes contratos rompan ese vínculo, é que abren a porta á creación de prazas estruturais con estas características, é dicir, institucionalizan a ruptura dese vínculo.

Porque non son de carácter económico as nosas queixas, explicáballo ao seu xefe na anterior epístola. Preocúpanos a calidade asistencial. Preocúpanos non poder atender en condicións as persoas usuarias. Preocúpanos a nosa saúde física e mental, e por suposto a das nosas pacientes. Tememos polo futuro mesmo da Atención Primaria, movémonos por ela.

Non me vou queixar do que cobro, non. Poderíamos comparalo co que cobran as miñas colegas doutros países europeos, que levan anos atraendo persoal formado na nosa terra con condicións moito máis dignas. Pero se o comparamos coa media dos salarios do noso contexto, é un bo salario. De que estamos a presumir, logo, de que os salarios da maioría traballadora do país non son salarios dignos? De que os prezos da vida se despegan cada vez máis dos mesmos?

Poderían comezar a exercer as súas responsabilidades como goberno, sentándose co persoal a avaliar de que xeito se pode facer máis atractivo traballar en Atención Primaria, para canto máis, en zonas periféricas. Por exemplo, ofrecendo maior estabilidade contractual e continuidade nunha mesma praza. Por exemplo, outorgando maior puntuación en concursos e oposicións por traballar en zonas como a Guarda. Ou por exemplo, mellorando o trato até humano que a grande empresa que é o Sergas dá ás súas propias empregadas, poucas e por cima, difamadas en prensa e en sesión parlamentar.

Quen quere, tendo outras opcións, traballar onde só recibe desprezos? Comprende agora a marcha da maioría das MIR de Medicina Familiar da área de Vigo? Tal vez se se fixesen estas preguntas, entenderían por que cada vez teñen menos substitutos para cubrir os descansos lexítimos do persoal, cada vez menos persoas para cubrir as xubilacións que veñen por diante.

Na Guarda alegrámonos das noticias que chegan sobre novos reforzos para o centro, noticias que non podemos senón relacionar coas demandas veciñais e do persoal do centro destas semanas. Pero infórmoo de que continuaremos esixindo a cobertura completa do cadro de persoal do Centro de Saúde, o longamente pedido segundo equipo do PAC e a ambulancia medicalizada para a zona.

Comecen a actuar, señor conselleiro.

Comentarios